domingo. 01.11.2020 |
El tiempo
domingo. 01.11.2020
El tiempo

Unha violinista no tellado

MALOS TEMPOS para a lírica', ou de como a cultura atopa dificultades para sobrevivir en tempos de pandemia e crise. Vén do título dun poema de Bertolt Brecht. Os versos tristes reflectiron o ascenso ao poder do nazismo e daquel infinito asasino, Hitler, o Pintor de Brocha Gorda.

Malos tempos para o teatro. A danza. A música. Nas crises, xusto cando máis se necesita, prescíndese da cultura.

A anécdota é mais ou menos así. Unha rapaza estuda música. Veñen tan mal dadas que queda sen cartos para estudar ou sobrevivir. E vese na obriga de anunciar nas redes o seu violín. Costoulle mil trescentos euros, véndeo por mil.

Le o anuncio James Rhodes, o pianista namorado de España e de Bach, Bach is God, que conseguíu namorar coa palabra e o piano aos españois. "Non vendas o violín. Se non te incomoda, ingresaré os mil euros na túa conta. Para que sigas estudando música". Algo así conta a anécdota real.

Oxalá ese violín humilde de muil euros non deixe de soar. Oxalá invente todas as melodías por descubrir. Oxalá que ningunha crise sanitaria e económica, ningunha política desnortada apague o son do violín, tan fermoso, tan semellante á voz humana.

Nestes días de desolación, historicamente inéditos, preguntamos. Qué queda da vida sen soños, sen un proxecto vital como o da rapaza do violín? Qué queda das vidas aplastadas pola angustia da crise, ameazadas por un virus que non deixa voar ata os altos cumios da beleza, da música, do arco da vella das outras caras da cultura?

Filósofos, artistas, intelectuais ven como as súas voces imprescindibles son silenciadas mentres medra o clamoreo de grilos, copando titulares e tempo en hemiciclos e pantallas.

Se o coronavirus e a crise económica corta as alas das aguias da cultura, so quedará a fealdade do ruído, a pobreza estridente dos mediocres que reptan polo chan. Só queda a obnubilación de babecos papando fake news de vendedores de fume. Ou seguindo a calquera flautista de Hamelin que xamais aprobou un curso de frauta traveseira no conservatorio.

Copan os focos sicofantes e megaestrelas de realities tan afastadas da realidade. E políticos mediocres que nin de lonxe están á altura do que nos caeu enriba. Ou personaxes excesivos como os Putin, Erdogan, Modi, Trump, Orban, Johnson, Bolsonaro e epígonos menores, profetas da insolidariedade e do populismo. Mentres invisibilizamos aos mellores, perdidos os intelectuais nos seus medos, desprezadas as científicas e investigadores que nos poden salvar.

Tan atordadora é a trompetería dos mediocres que a nosa rapaza vese na obriga de elexir comer ou estudar música. Tentando vender un chisco de beleza, recibe a raiola de esperanza dun pianista que lle ingresa mil euros para que siga tocando. Nos tellados da música, co seu violín.

Unha violinista no tellado
Comentarios