Opinión

¿Vivir ben, ou vivir mellor?

NO ARTIGO 13 do primeiro texto constitucional, o de Cádiz, lese. "O obxecto do goberno éche a felicidade da Nación". A fin de contas, o benestar da xente é deber de toda sociedade. Vivir ben. Todas, todos. Cousa imposible cando unha minoría privilexiada tenta e consegue vivir mellor. O maxistrado J. Bosch vén de presentar o libro La patria en la cartera. Imaxe certeira porque a patria de todos non colle na carteira de poucos. Símbolos, institucións, omnipresentes bandeiras. E tamén os impostos, sangue do Estado que osixena, alimenta e estende o paraugas que acubilla a todos.

Un sistema inxusto non garante o benestar de todos porque malgasta recursos. Non semellaba concibible que a corrupción da ditadura se metastizara nunha democracia con tantos instrumentos de filtro e control. Onde todos poden vivir con dignidade, e non só unha minoría, case xenética, que se apropia dos recursos non para vivir ben, senón moitísimo mellor sempre a conta de. A pesar dos esforzos democráticos de limpeza, segue vizoso o fenómeno da corrupción. Os últimos casos converteron a emerxencia da pandemia nun patio de Monipodio onde a corrupción aproveitou ventos favorables para propiciar suculentos e escandalosos negocios á sombra nepotista do poder político.

A corrupción, disfrazada de bandeiras, non pode ser patriota. Aínda que estenda arañeiras clientelares osmóticas entre economía e política, entre corruptos e corruptores. Hai economistas que aseguran que sen corrupción, a renta per cápita española estaría ao nivel dun país tan limpo e privilexiado como Finlandia. Nin somos tan preguiceiros nin temos tan baixa produtividade senón que sufrimos unha persistente epidemia de corrupción. Demasiados políticos con demasiados asesores nomeados a dedo. Demasiados compartimentos estancos á hora de xestionar e controlar diñeiros públicos. Demasiados eméritos con ética elástica afervoadamente aplaudidos por súbditos. Demasiados aforados. Demasiados controis controlados por partidos que esixen submisión.

Vímolo na Andalucía dos eres. Nas mordidas catalanas do 3% (ou o 5%?). En Valencia con yonquis dos euros. En Madrid. Todo vaise traducindo en desafección política. En opoio a forzas populistas que prometen solucións inmediatas a problemas complexos, e ceban con crispación os fornos da política.

Uns poucos conseguen vivir non ben, senón mellor. Grazas a un enriquecimento tan rápido, tan excesivo, tan semellante a un roubo. Coa impunidade dos que teñen poderosos medios de defensa legal contra o castigo e a indignación social. Diñeiros ‘patrióticos’ esvarando cara a vertedoiros fiscais.

A xente ten dereito a vivir ben. Dificil tarefa cando unha minoría político-económica consegue sempre vivir mellor. Moito mellor. Obscenamente mellor.

Comentarios