Opinión

Zygmunt Bauman, o pensador necesario

A OBRA deste sociólogo de orixe polaca é todo un alegato contra os que tentan exilar das aulas a tarefa de pensar e a capacidade crítica, xusto no escenario das ideas e as dúbidas razoables. Catedrático en Leeds, asistiu ao Brexit, onde as mentiras abriron as portas á xenofobia. E unha idea capital latindo na súa obra, a modernidade líquida. Ou de como os alicerces sólidos do individuo, familia estable, emprego indefinido, Estado protector, foron diluíndose. Perdemos pé e todo semella efémero, inseguro. Todo resulta temporal e pasaxeiro. Líquido.

Ollos vivos e curiosos, a melena de xenio tipo Einstein, Bauman foi un estakhanovista da reflexión, das conferencias, dos libros: dous por ano. Alertaba contra a pleamar de desigualdades, contra a ‘felicidade’ que se compra nas tendas e non no contacto co outro, contra o individualismo que se refuxia no mundo online para escapar dos conflictos do mundo real.

A súa vida transitou polo século XX, convulso e sanguinario: revolucións, guerras mundiais, equilibrio do terror, exilios. E sempre analizando as paisaxes sociais e políticas, tan cambiantes e líquidas. Figuras salientables a carón de Bauman: Stiglitz, Lledó, Touraine, Morin, Sampedro, observadores dos movementos indignados que ocuparon as prazas contra o diabólico sistema económico que inflaron Reagan e Thatcher nos 80 e acabaría estoupándonos décadas despois. Como Bauman, esperamos que estas protestas cristalicen en propostas para que tanta esperanza non quede en nada ou derive a revolución domesticadada nas redes sociais.

Cando empezaban as protestas, publica ‘Modernidade líquida, reflexión sobre os perdedores da crise’. Ata a última obra: ‘Extraños llamando a la puerta’, ou palabra a pé de imaxe sobre a os refuxiados poñendo a proba os nosos medos e a capacidade de acollida, a política de valados ou a solidariedade, a fraternidade ou a xenofobia. O mellor e o peor de Europa.

Filósofo inconformista, remove inseguridades, dereitos e obrigas, un mundo líquido. Xusto cando nos percatamos de que o poder pasa da política a poderosos intereses alleos ao control democrático que deixan en evidencia, ante poderes económicos globais, a gobernos impotentes. Tentan manter o poder xerando ansiedade, enchendo de policías rúas e fronteiras, construíndo valados máis altos e igual de inútiles, atizando o medo ao outro.

Pero sempre hai un camiño para edificar a sociedade aceptando a quen pensa diferente, loitando por unha igualdade económica que ofreza a todos unha vida digna, educando aos novos para o diálogo.

91 anos. Bauman. Tan vello e tan novo. Axitador de cerebros, activista cultural, lúcido e inconformista. Un guía intelectual que xa non está connosco. Un pensador necesario que sempre estará connosco.

Comentarios