miércoles. 01.04.2020 |
El tiempo
miércoles. 01.04.2020
El tiempo

Carta aberta a Rafa Domínguez

RESULTA BASTANTE curioso, que un partido político (Partido Popular) para facer oposición, se dedique dende hai tempo a insultar en redes sociais e a inventarse parentescos coa concelleira do BNG porque coincide casualmente un dos nosos apelidos , e a desprestixiar o traballo PROFESIONAL dun creador autónomo, non afiliado a ningún partido político, só porque apoiou a candidatura do BNG nas Xerais.

Rafa Domínguez, está intentando facer crer á sociedade pontevedresa que fago todos os carteis do Concello, que vivo do Concello, e dánme traballo porque simpatizo coa forza política que goberna no Concello de Pontevedra. Levo traballando coma ilustrador e historietista profesional dende 1998, teño unha longa carreira profesional, e se me chaman para facer un traballo é por todo iso, non pola miña ideoloxía política. Paréceme moi ben que como membro da oposición queira reclamar cambios no funcionamento destes contratos menores, totalmente legais, e pidan que se fagan concursos públicos. Pero facelo atacando á miña persoa, acusándome de "amiguismo" de cobrar antes de tres días, e de axustar prezos para saltar a convocatoria dun concurso público é algo totalmente fóra de lugar e totalmente falso. (Tan só fixen a campaña do Entroido, 4.400 euros, si, por toda a campaña, 2 carteis, banners para prensa, adaptacións de anuncios para xornais, deseño e ilustración do programa completo e deseño dos mappings da rúa, calquera que se dedique ao deseño gráfico sabe que ese diñeiro nunca é SÓ POR UN CARTEL, como intentan facer crer). Curiosamente, outras empresas pontevedresas, fan moitas máis campañas ca min dende hai anos, e esas curiosamente non lles molestan...

Que un partido político intente desprestixiar a un profesional cunha longa e ampla traxectoria profesional que o único que está a facer é exercer a súa profesión e cobrar polo seu traballo é un acto vil e denunciable, sobre todo porque queda claro que o que lles molesta é que ideolóxicamente sexa simpatizante do BNG.

Coma deseñador, ilustrador e creador paréceme tremendamente irresponsable que un partido político caia tan baixo para facer oposición e que ataque os traballadores autónomos e os creadores, cando son os primeiros en afirmar que son os que apoian o emprego. O emprego dos que pensan igual que eles, e lles votan a eles claro está. Criterio que, resulta curioso, non demandan na cidade veciña MARÍN, onde si goberna o PP e onde, ho!, que casualidade, encargáronme (segundo a teoría de Rafa Domínguez, tamén a dedo) unha campaña de banda deseñada hai un ano para os Mupis de rúa. Pero seica para esa campaña parece que non facía falla un concurso público.

Por último, gustaríame aclarar un detalle que repiten el e todos seu partido moi a miúdo, falan de "que tenemos la suerte de contar con una facultad de Bellas Artes con el nivel y prestigio suficiente como para tener en cuenta a la hora de diseñar un cartel", curiosamente EU són un exalumno desa facultade, pero dáse a circunstancia que para poder facer campañas publicitarias e TRABALLAR neste país, os estudantes deberían estar dados de alta na Seguridade Social e pagar autónomos, algo totalmente necesario para exercer unha profesión como a miña, algo que curiosamente, a pesar de que non é algo común, eu empecei a facer dende antes de ser estudante universitario nesa facultade de Belas Artes en 1998. Resulta sorprendente que cumpla a miña persoa todo o que vostede reivindica señor Domínguez, pero que non lle sirva porque non comparta a súa ideoloxía política.

Por certo, onte os cidadáns puxaron polo orixinal do cartaz do Entroido de Pontevedra 2020.

E como dixen hai unha semana na presentación da campaña deste Entroido, todo o recadado donareino á investigación contra o Cancro da USC. TODO, incluídos esos 4400 euros que tanto lle molesta ao sr. Rafa Domínguez, que cobre un profesional da ilustración por facer o seu traballo.

Carta aberta a Rafa Domínguez
Comentarios