Opinión

Oh, meu deus!

SETEMBRO CHEGOU como ha chegar outubro. As novas sobre as subidas do número de empregados e os descensos das cifras de parados parecían facer que todo ía sobre rodas aló por maio, xuño, incluso xullo no caso da contratación dos socorristas da Mariña. O sector servizos ao servizo dos titulares. Dando por xusto o argumento de que «fai falla moita máis xente en verán porque as vilas da Mariña triplican a súa poboación», esgrimirei as realidades dos establecementos hosteleiros que se queixaron porque non atopaban camareiros a doce horas por 600 euros, da emerxencia de empresas de traballos temporais e das becas que cubren vacacións das compañeiras a cambio de salarios reducidos á metade. A camareira, a traballadora por días e a becaria son devoltas á rúa estes días. Tamén podiamos mirar o da desestacionalización do turismo, a desestacionalización dos postos de traballo e, de paso, a desestacionalización dos sentimentos. Por que ao sol e o calor debe atribuírselle a felicidade, mais a tristeza ás nubes e á choiva? Que non decaia o ánimo nin a loita ou chegará outubro, verémonos na rúa e diremos: Oh, meu deus! E menos mal que non coñezo a ninguén nesa situación...

Comentarios