Opinión

A lección das formigas

O CONSTANTE e meticuloso traballo das formigas e das abellas esperta curiosidade e certa cobiza nos humanos, fundamentalmente naqueles que se dedican á investigación, ao estudo dos comportamentos grupais, á observancia da realidade e da natureza, á bioloxía e/ou ás ciencias puras. Estes animaliños pequerrechos e activos dan exemplos de sabedoría e mostras de coñecemento. As abellas, como se souberan matemáticas, constrúen e construíron sempre con forma hexagonal as celas de cera nos paneis das súas colmeas.

Elas saben perfectamente que esa figura xeométrica é a que lles convén, a que mellor se presta para os seus movementos e coa que mellor aproveitan o espazo. Os investigadores corroboran a decisión destes insectos himenópteros e a ciencia exacta deixa ver que co hexágono non queda lugar para folganza. Con esta figura hai seguridade, aforro de material na construción do receptáculo e éxito asegurado na ensamblaxe meleira.

As abellas, como se souberan matemáticas, constrúen e construíron sempre con forma hexagonal as celas de cera nos paneis das súas colmeas

Un importante matemático grego, Pappus de Alejandría dixo que entre todos os polígonos regulares co mesmo perímetro, pechan unha área superior aqueles que teñen maior número de lados, logo as abellas, "en virtude dunha certa intuición xeométrica, saben que o hexágono é maior que o cadrado e que o triángulo, e que poderá conter máis mel co mesmo gasto de material". As abellas son bichos de doces faceres.

Outro caso que demostra a intensa e frutífera relación das matemáticas coa natureza, e mesmo coa bioloxía, atopámolo no comportamento das formigas, animais con cerebro diminuto e capaces de desenvolver tarefas colectivas de enorme complexidade, coordenadas e perfectamente ordenadas. Aquí, os matemáticos, no traballar das formigas, pensan nos "camiños aleatorios".

Este 2018 é Ano Internacional da Bioloxía Matemática, tratando de dar a coñecer a importancia das aplicacións das matemáticas nas ciencias da vida e fomentando a interacción entre os saberes. As dúas disciplinas irán xuntas aos foros científicos máis importantes, deixando constancia de que os saberes deben complementarse e compaxinarse para construír grandes plataformas de coñecemento e aprender tamén –como di a Tía Manuela– da humilde lección daquelas abellas ou destas formigas.

Comentarios