Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

A profesión do amor

AQUELA GUÍA telefónica que orientaba á cidadanía para que soubera a quen chamar cando necesitaba de alguén para un traballo de calquera casta que fose, agora non se ve en ningures, non deben publicala ou, ao mellor, xa non existe. Foise o guieiro dos oficios como tantas outras cousas (boas e malas) marcharon. Onde van? Non se sabe, ninguén sabe nada de onde van tantas profesións ou oficios como había. Tanto como se necesitaban! Uns destes oficios perdéronse por innecesarios e outros, polas razóns que fose, perdéronse tamén.

A modernidade e a globalización obrigaron a aparición de novas profesións, moitas delas atractivas, fascinantes e marabillosas. Outras, non. Por exemplo aquelas persoas que se dedican a cheirar os sobacos da xente para informar da efectividade do desodorizante, aquelas que traballan muxindo serpes para sacarlles o veleno, ou os inspectores e examinadores de halitoses, que buscan remedio ao anormal alento, non teñen un oficio que, por moito que gañen, resulte agradable. Pero aínda existen profesións peores, o oficio de soldador nas alturas, os alpinistas limpadores das hélices dos muíños dos eólicos, os capadores, os matadores ou as choronas que ían rindo e chorando nos enterros. Todos estes traballos son para nunca empezar.

O arranxo falado e negociado sempre é o mellor, para que "o demo non che coma todo o que fas"

E, o/a masaxista? Hai persoas que se dedicas profesionalmente a dar masaxes, masaxistas masculinos e femininas que, coa súa agudeza e enorme capacidade para conectar emocionalmente coa clientela, fan do seu traballo unha arte e, cobrando, van aloumiñándote, dende os pes á cabeza, a pouquiños, palmo a palmo, engordiño. É unha profesión que anda entre as ramas da estética e os distintos eidos da saúde, principalmente da medicina preventiva. Bendito masaxista!, aquel mozo que tanto axuda a tanta xente.

Miles de homes e mulleres dedícanse á profesión do amor, traballan por amor a Deus e todo sae ben, precisamente, "grazas a Deus". Se hai algún fallo fálase co seu representante no confesionario e con fe arránxase todo ou case todo. Como dia a Tía Manuela, o arranxo falado e negociado sempre é o mellor, para que "o demo non che coma todo o que fas", para que ninguén teña que "traballar para o inglés", para que á ministra do ramo non lle metan máis goles.

A profesión do amor
Comentarios