Opinión

Aceptar co dedo

UN DITO que se escoita de vello di algo así: "O único que te fará feliz é ser feliz co que es, e non co que a xente pensa que es". Esta forma de pensar axuda a valorar o propio, o que se ten, e dá liberdade para valorar ou comparar o que se pretende. Dá liberdade para rexeitar, en vez de estar seguido aceptando o que che indican, o que queren que aceptes os modernos mercachifles, eses que queren e andan diariamente na procura daqueles que aceptan o inaceptable, incluso o que vai directamente a atacar o seu pensamento e o seu razoamento.

O dicionario define moi ben o concepto, aceptar significa recibir voluntariamente, mostrarse de acordo coa proposta e someterse ao que queren que te sometas. Tódolos días e a tódalas horas tes diante dos ollos esa maldita formulación que obriga a premer co rato onde queren que premas, alí, en aceptar o que veña. Quen é capaz de resistir?

Todo a golpe dun clic. Todo, absolutamente, todo. A distancia desaparece cun golpe de clic, as aplicacións educativas requiren un clic, igual que podes acceder á banca, aos medios de transporte, ás rutas turísticas, á calquera tipo de música, aos secretos oficiais, á programación das radios diferentes ou das televisións iguais, de cor e música, de gastronomía e deportes, públicas ou dun patrón máis ou menos importante.

Iso si, cun clic accedes e co mesmo rato ou co mesmo dedo aceptas todo o que che poñan por diante, a data da consulta médica e as normas de atención e seguridade, a publicidade daquel negocio ou dunha das multinacionais que aborreces, as mellores dependencias turísticas de aquí ou de aló. Aceptas, incluso, os insultos e o mal trato, as aberracións, as anomalías e as inxustizas de moitos daqueles que negocian co teu clic obediente e, ás veces, insensato ou discordante co que pensas e co que falas.

Fanse compras millonarias de milleiros de produtos innecesarios e todo se acepta. Aceptas e compras máis do conveniente e despois, como acto de rebeldía contra da sociedade consumista, vendes o que podes a través de calquera das plataformas e aceptas os criterios e normas que impoñen. Non é necesario nin conveniente ler nada, abonda cun golpe do dedo sobre a icona.

A Tía Manuela non entende moito destes sistemas modernos de relación e de compra e venda, pero quere que a sociedade sexa crítica e non subordinada aos que impoñen a inmediata aceptación a toque de corneta.

Comentarios