Opinión

Amizade verdadeira

ATOPÁRONSE, NO cruce das entradas daquel pobo pequeniño, tres amigos de vello, de cando eran estudantes nunha universidade lonxana, grande e, aínda na actualidade, prestixiosa. Miráronse, coñecéronse, abrazáronse e non pararon de falar ata a noite. Os tres sabían e presumían de que a amizade era, como dicía Aristóteles, unha alma que habita en varios corpos ou como o corazón que rega con sangue limpo e dá vida a varias almas.

Supera á política e aos vellos prexuízos, ás crenzas e ás distancias. A amizade é a máis grande das honras que se lle pode render e tributar a calquera que sexa amigo, é capaz de borrar o tempo ou detelo, como fixo con aqueles tres paisanos que se pararon na beirarrúa, onde poida que aínda segan falando. A amizade está aí, sempre disposta para entenderse, para dialogar e agrandar os espazos de liberdade, os de todos e os de cadaquén.

Pola dereita, pola esquerda ou polo medio do camiño van os amigos falando, conversando e escoitando, con confianza, con afecto, con serenidade total e coas súas diferencias enriquecendo o tránsito e o diálogo. No camiño, en calquera camiño e, de modo especial no Camiño de Santiago, os camiñantes e/ou peregrinos son iguais, tan pobres e tan ricos uns como os outros. Tan amigos, con esa amizade que arranca do contacto, das mesmas madrugadas, das mesmas paisaxes e das mesmas noites de soños diferentes.

Por certo, o Camiño de Santiago é como unha trela ou soga que traba amizades e fai amigos entre os milleiros de persoas que andan cara a Santiago, e que volven ás súas casas coa disposición de esixir un mundo con máis solidariedade e con máis respecto á igualdade e á diversidade.

Cada un dos amigos de verdade é un tesouro e cómpre coidalo para que ese patrimonio non esmoreza nunca e para que nunca poida compararse con eses amigos de Facebook, cos seguidores de Twitter ou cos ‘gústame’ de Instagram, con eses que, a pesar de seren milleiros, quedas na soidade total, con saudade e señardade, sen ter a quen mirar, sen poder falar, sen escoitar e sen o alivio da tenrura daquela man engraxada en dozura.

Os tres amigos que se atoparon despois de tantos anos, sen cansarse de falar, seguiron cada un o seu camiño, a paso largo e cara a mesma meta, coa satisfacción de que a súa amizade era duradeira e sen hipocrisía, como debe ser unha amizade real, nas boas e nas malas.

Comentarios