viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

Aplicación, de que?

ERA UN home aplicado. Teodoro da Campa de Arriba, era como fora de neno e de mozo, un xenio que buscaba a aplicación e explicábaa de tal forma que ata os outros, foran ou non aplicados, entendían todo o que dicía e pensaba. A aquelo que pasaba polas súas mans ou pola súa cabeza, perfectamente amoblada, buscáballe de inmediato unha aplicación e, dunha ou doutra maneira, funcionaba. Todo tiña principio, todo tiña interese e , obviamente, aplicación, cando a xente era aplicada, cando tiña interese en aplicar e aplicarse.

Cando ía á escola tiña enorme afección polo estudo e por aprender. Era defensor da aplicación dos dereitos, das normas, da xustiza e da igualdade. Era un estudante capaz e moi aplicado, listo e respectuoso coa metodoloxía que usaba o mestre, para aplicar á aprendizaxe os seus coñecementos e habilida-des. Todos felices naquela escola, na que todos eran aplicados e interesados por saber, por coñecer e avanzar nese coñecemento que obriga á aplicación do aprendido, da razón e do razoamento.

Entre todos, ou un a un, buscaban a aplicación práctica, estudaban, debatían e acordaban. despois dábanlle ao acordado outra aplicación e analizaban as súas vantaxes. Buscaban unha terceira e contrastaban, parábanse a reflexionar e avanzaban con diversas aplicacións de futuro.

Eran dos que entenden en positivo a aplicación da normalidade, das leis físicas, dos principios, da igualdade e da liberdade en tódolos ámbitos, nos máis claros e nos sombríos. A aplicación do saber ao ordenamento xurídico, á bioloxía, á tódalas ciencias e á vida, parece un feito obxectivo e necesario, pero non debe ser así. non, as aplicacións son xa outra cousa, búscanse e descárganse nun aparato electrónico e/ou informático.

Agora, nos tempos novos, as aplicacións son das grandes compañías multinacionais, da informática, da electrónica e da telemática, e a aplicación da súa enorme forza sobre o cerebro humano converte á poboación mundial nun único usuario, coa mesma forma de facer e de comprar, co mesmo espírito acrítico e irreflexivo.

A Tía Manuela non entende nada, desconfía da aplicación do cambio que se lle fai á linguaxe, e anima á xuventude para que aplique un método de participación activa no deseño da sociedade do futuro, que "debe ser máis solidaria, menos discriminatoria, moito máis humana e, xa que logo, honrada e respectuosa consigo mesma e con cada un dos seus integrantes".

Aplicación, de que?
Comentarios
ç