Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Cambio e movemento

AQUEL CONDUTOR imprudente, veloz e afable, cambiou de carril e matouse. Foille mal, igual que lle foi mal ao corredor que cambiou equivocamente de pista ou ao emigrante que cambiou de país para cambiar de vida e só puido facer o primeiro cambio, pero está claro que noutros ámbitos estamos en tempos de cambio. Xa dicía Heráclito, no seu tempo, no século quinto antes de Cristo, o único permanente é o cambio. E, todo cambia. Nós tamén, aínda que sexa sen querelo, estamos sometidos ao cambio constante. Está ben, hai que cambiar de aires, cambiar os zapatos, o pantalón, a camisa e a chaqueta. Cambia o clima, os costumes, os pareceres e as percepcións; cambian as miradas, os focos dos fotógrafos, as opinións, os discursos e os amores.

As raíces de cadaquén poida que queden enterradas na memoria e que sexa esta a única capaz de cambialas, de airealas ou de esquecelas. Estamos en tempos de cambio, como sempre, e como din os paisanos, pasa igual que na feira: "Non hai ningunha mala, cando un perde, outro gaña". Adiante! Cómpre seguir avanzando e progresando, polo tanto, hai que seguir cambiando, aínda que pase o que xa pasou moitas veces, cámbiase de rumbo, de muiñeiro, de emisora, de teléfono, de estación, de médico ou de escola, "cámbiase todo, para que todo sega igual".

Estamos en tempos de cambio, como sempre, e como din os paisanos, pasa igual que na feira: "Non hai ningunha mala, cando un perde, outro gaña"

O premio Nobel de literatura en 1925, o irlandés George Bernard Shaw, dicía que "o progreso é imposible sen o cambio", e engadía, "aqueles que non son quen de cambiar as súas mentes non poden cambiar nada". En nós, prezados lectores, está o epicentro da decisión da transformación do que nos rodea, e para conseguila debemos empezar por cambiar o noso pensamento e o pensamento colectivo dos inmobilistas.

Para todos, o cambio debe ser garante de actitudes saudables e, incluso para moitos, debe ser de compromiso coas miradas de longo alcance para o futuro e de firmeza para o presente. Miradas que, cando se acurtan ou se interrompen, provocan de inmediato a necesidade doutro cambio obrigatoriamente espectacular. O cambio é movemento e acción, logo, no dicir da Tía Manuela, aséntase na reflexión, na responsabilidade e na comprensión, que debe exercerse con viveza e realismo.

Cambio e movemento
Comentarios