Opinión

Cos ollos fechados

Ao remate da faena, ou para rematala, beberon a morro augardente da garrafa da esquina, chea –por equivocación– de lixivia de noventa graos

ROUBÁRONLLE a casa, o cuarto onde durmía, os cacharros da cociña e os cadros pendurados nos cuartos de comer ou de coser. Baleiraron os estantes de tódalas esquinas, sentáronse dediante da televisión e deixárona acendida. Parece que se movían con seguridade ou, cando menos, con confianza. Mentres agardaban, colleron tres libros, dous deles de poesía: Orfo de ti en terra adentro, de Fiz Vergara, e outro da mesma época, Con pólvora e magnolias, de Méndez Ferrín. O terceiro libro que deixaron descolocado, xunto dunha botella de viño tinto medio baleira, era máis recente, Topica. principios de derecho y máximas jurídicas latinas, da autoría do que foi eximio catedrático da Universidade de Santiago, Xerardo Pereira Menaut.

Foron á bodega e beberon viño, Albariño, Godello, Ribeiro e Mencía. Comeron xamón e chourizos picantes, secados e afumados na casa con leña seca de uz, carballo e freixo. O xamón, os chourizos e o pan, recentemente cocido no forno da casa, estaban no seu punto. E, despois? Despois, ao remate da faena, ou para rematala, beberon a morro augardente da garrafa da esquina, chea -por equivocación- de lixivia de noventa graos.

Nisto, coas cousas así, chegou ela, a dona da casa e, sen deterse, chama ao 012 para dar conta do que vía. Presentou telefonicamente dúas cuestións, unha denuncia polo roubo e un aviso ao 061, dando conta de que, ás portas da bodega, había tres persoas descoñecidas deitadas no chan, durmidas, borrachas ou mortas. As tres tiñan vómitos cheirentos no peito, na roupa e na cara. Estaban totalmente caladas e cos ollos fechados, menos o esquerdo dunha delas, a última en caer e a única que suspiraba, unha moza con pantalóns vaqueiros rotos e coas gafas pousadas ao seu lado dereito.

A única alegría da roubada foi recuperar, xunto dunha dentadura postiza, as tres moedas da época dos visigodos que gardaba. Unha delas era da ceca de Lugo, outra da ceca do Incio e a terceira, ao parecer, acuñada na ceca do Courel. Segundo os investigadores, en Galicia están documentados máis de trinta obradoiros nos que se acuñaron moedas, deixando constancia da riqueza do país dende cando era Gallaecia, riqueza fundamentalmente cultural. Xa o dicía a Tía Manuela, "somos un pobo con moita cultura e, xa que logo, con moita fartura".

Comentarios