Opinión

Cruce de camiños

ONDE SE cruzaban camiños, os nosos devanceiros construían cruceiros, magníficas obras de arte e pedra que anunciaban por Galicia adiante que algo pasaba ou pasaría. Segundo os expertos, non hai concreción sobre a súa orixe, pero hai respecto ao que son, ao que foron, ao que significaron e significan. A Real Academia Galega di que un cruceiro é "unha cruz grande de pedra, lisa ou con figuras esculpidas, sobre unha longa columna asentada nunha plataforma, que se sitúa principalmente nas encrucilladas, á beira dos camiños, nos límites das parroquias e nos adros das igrexas". Iso é!

O cruceiro do camiño é un monumento diante do que o camiñante para, pensa e reflexiona, repasa mentalmente o camiño andado e deseña a estratexia conveniente para seguir avanzando con éxito cara a onde vai


Pero, agora que os camiños non son como eran cando se fixo esta descrición, como os tempos tampouco son como eran, os expertos terán que redefinir o concepto e os novos cruceiros serán o que sexa, probablemente enormes monumentos virtuais que se colocarán nos camiños por andar da política e do progreso (ou do retroceso) para indicar que efectivamente están e estamos nunha encrucillada, igual que antes, sen saber por onde seguir, sen identificar a ruta, sen ter claro se é mellor coller o ramal que vai por Valcabrita ou o que ven do Alto de Pía, se é igual seguir ao fronte ou dar a volta e andar para atrás, tal como se se fose avanzando.

O cruceiro do camiño é un monumento diante do que o camiñante para, pensa e reflexiona, repasa mentalmente o camiño andado e deseña a estratexia conveniente para seguir avanzando con éxito cara a onde vai. É un monumento que se asenta alí, onde o xefe da expedición ten que recordarlles e indicarlles aos mandados o punto xeodésico ao que se propuxeran chegar. Poida que sexa mellor escoller o camiño máis curto, sobre todo, cando oferta garantía de calidade e proporciona posibilidades para que todos os camiñantes cheguen con, máis ou menos, satisfacción. Todo parece política, pero non esquezan, amigos lectores, que, como dicía a Tía Manuela, «os camiños da honestidade e da lealdade son sempre rectos». Pois, sen medo, adiante!


Diante da encrucillada, cómpre pelexar e combater a amnesia. Antes de chegar, cómpre ter definido o itinerario e, sen apurar o paso, non demorar, non delongar para que ninguén se durma nos loureiros. Cómpre andar o camiño e chegar cedo, para dinamizar a romaría e rir. Rir e aplaudir con ganas, igual que o fan os extras mudos e asalariados durante e ao remate de cada vacua actuación. Renegado sexa o demo!

Comentarios