domingo. 20.09.2020 |
El tiempo
domingo. 20.09.2020
El tiempo

De punta en branco

Reverdecía aquel prado de regadío da veiga de xunto do río, a pesar da enorme seca da época. Florencio, o home con máis anos do lugar, vía medrar as herbas sen parar e gozaba coa enchente que collerían as vacas, a Marela, a Parda e a Romera. Veñen tempos novos, aos que hai que acostumarse, adaptarse e, se é o caso, dobregarse. Tempos novos, nos que chove cando quere e escampa cando escampa, nos que non é suficiente a tradición e o aprendido na casa ou na escola. É necesario, ou polo menos conveniente, ampararse na tecnoloxía, na robotización e, pois, na intelixencia artificial para que medren as herbas e as verzas, para que a universidade veña directamente co saber á casa, ao mesmo cuarto onde dormes, ao pousadoiro da porta do curral ou á terraza cementada desa cafetería de grande luxo.

As campás de bronce da igrexa románica e feiticeira badaleaban e repenicaban sen parar. Era un día de alegría, casaba a filla do sancristán, a muller máis nova e a única moza da parroquia. A veciñanza estaba de festa. Era a primeira vez que acudían, os máis vellos e os máis novos, a unha voda civil, oficiada polo concelleiro de obras públicas e crego doutras parroquias do mesmo concello. Entre os convidados estaban dous ou tres cregos. Todos con traxe claro e de punta en branco. 

As campás non paraban, tiñan son de paz e de convivencia. Na primeira parte do día, estaban empurradas pola man experta do campaneiro e despois, xa na hora do xantar, quedaron ao dispor do mando á distancia, un mando semellante e tan pequeno como o que tiñan para acender e apagar o pastor que retraía ao gando nas súas cortiñas, que era ben parecido ao que empregaban para abrir e pechar as comportas da presa de regadío. 

Aquela voda, cos curas e tódolos convidados cantando e brindando pola felicidade dos noivos e dos presentes, enchía de gozo e de esperanza aos novos tempos. Nas parroquias lindeiras, aquel domingo, a veciñanza tiña a misa cantada de forma dixital, no móbil, nunha pantalla instalada na parte dianteira da igrexa ou na televisión da taberna. Xa se sabe, os poucos curas que quedan non poden, non queren nin deben pasar o día na estrada, para o seu exercicio profesional, teñen que servirse das tecnoloxías das comunicacións. Aí está unha parte da transformación social, coa telemática introducida nos miolos e nos sentimentos da humanidade. 

De punta en branco