Opinión

O diálogo, entre persoas

Os expertos dicían que cada dez anos cambia a forma en que as persoas interactúan coa tecnoloxía e así é, cambio permanente, para ben ou para mal

Chamar por teléfono pode ser un suplicio, un verdadeiro calvario que remata na desesperación, na perda de moito tempo e, despois de esgotar a paciencia, pode chegar ao odio a esa maldita máquina que non entende nada, por moita intelixencia artificial da que presuma o seu creador. Estamos nos novos tempos, nos tempos da inmediatez, ao bordo da loucura. Aos cidadáns obríganlles a servir aos intereses das tecnolóxicas, a consumir, pagar e calar.

Eses paisanos de calquera aldea da Galicia rural, daqueles que tiñan que andar quilómetros para poñer unha conferencia e falar co seu fillo ou coa súa irmá, emigrantes en Bilbao ou en Barcelona, non dan crédito do que acontece. Nunca pensaron que as conversas serían entre a persoa e a máquina. Pero, aí está a realidade adiantando á ficción.

Os expertos dicían que cada dez anos cambia a forma en que as persoas interactúan coa tecnoloxía e así é, cambio permanente, para ben ou para mal. Agora non se fala por teléfono, fálase co teléfono, fánselle preguntas en voz alta e responde, con ton o suficientemente elevado, para que todos os que estean na sala saiban a resposta, as máis das veces, acertada. Intentan humanizar á máquina e conseguen tratar, como se fosen máquinas, ás persoas. Que mágoa!

A máquina manda e quen a leva no peto obedece e segue os seus ditados. Espértate pola mañá, diche o que tes que facer cada día, a hora exacta de saída do tren, o prezo da gasolina, os lugares para comer ben ou a onde podes ir de compras e, se é o caso, de vacacións. Dío todo e todo o ordena. A un amigo solteirón, díxolle onde podía atopar noiva, conforme aos gustos expresados nunha conversa previa e en confianza. A calquera que queira, organízalle as fotos de calquera viaxe, indicando todo tipo de detalles.

Poida que a sociedade teña que dialogar coas máquinas, atender aos donos das máquinas, converterse en máquina e cada un dos cidadáns pensar como os donos da máquina queren que pense. Poida que ocorra calquera cousa. Quen sabe? E poida que tivera razón o neurólogo estadounidense, Steve Polyak, cando dicía que "antes de traballar en intelixencia artificial, cómpre facer algo sobre a estupidez natural".

Algo hai que facer! Quérennos como consumidores, como clientes, como seguidores e como público aplaudidor. Pois, seguindo á Tía Manuela, temos que dicirlles que non, que "o diálogo faise entre persoas".

Comentarios