sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

Escusas por milleiros

ESTAMOS NA época dos expertos, de todo, de algo ou de nada. aquel que vostedes coñecen, experto en "dimes e diretes" foi ao hospital de referencia e atopouse con escusas en tódalas portelas de atención ao público e en tódalas portas nas que chamou. en todas lle presentaban pretextos perfectamente construídos e absolutamente irreais, baseados todos eles na covid19, no bicho vírico que segue esnaquizando a convivencia veciñal, en tódalas partes deste e de aquel outro mundo.

Escusas servís dos que mandan e poden seguir dominando, impunemente e sen vergoña, a aquelas xentes que teñen que calar, e calan, para comer e poder darlles de comer ás súas crianzas. Fan o que lles parece, o que lles interesa a eles e ás súas catervas. E alegan razóns que son sinxelamente coartadas de "engana bobos". a situación actual é propicia para o triunfo dos camanduleiros e dos paduáns que aloumiñan unicamente o exterior do seu propio bandullo e, sen acritude, contribúen ao deterioro das institucións públicas. seguen as directrices marcadas e acabarán cando acaben con todo o que é de todos.

A administración obriga aos cidadáns a ser titulares de conta ou contas bancarias e os bancos pechan e impoñen unha cota por xestionar o que os clientes xestionan

Ese bicho, que veu e anda polos aires repartindo mal e medo, converteuse en escusa eficaz para aplicar a inacción en tódolos ámbitos, en tódalas profesións, en tódolos saberes e no mundo enteiro. todos quietos e parados!, ata que nada sexa igual nin parecido e, por certo, respecto á pandemia e aos seus froitos amargos.

Escusa perfecta para ser e non ser ao mesmo tempo; para retroceder e avanzar, segundo conveña ao director de márketing, ao patrón da nave, ao director ocasional ou a quen preside a tolemia xeral. aqueles que teñen unha ou moitas oportunidade de corrixir e non o fan, serán os responsables do fracaso, dese que está petando na porta ou entrando na casa pola parte traseira.

A administración obriga aos cidadáns a ser titulares de conta ou contas bancarias e os bancos pechan e impoñen unha cota por xestionar o que os clientes xestionan; os médicos diagnostican polo que lles contan e estenden receitas para coidar da saúde da veciñanza e da sociedade enferma; os profesores recíclanse como locutores e fan o que poden, o que lles deixan. efectivamente, como di a tía Manuela, "non hai formación, nin razóns, nin interese xeral, pero escusas, cadaquén ten as que queira, milleiros para cada ocasión".

Escusas por milleiros
Comentarios
ç