Opinión

Estamos de noraboa

AQUEL CURIÑA miúdo de estatura e mente visionaria, Elías Valiña Sampedro finou hai trinta anos (o 11 de decembro de 1989), pero a súa memoria permanece e, incluso, poida que se agrande. Foi un intelectual ao servizo do desenvolvemento rural, un investigador recoñecido, un entusiasta comunicador, un peregrino e enorme promotor do Camiño de Santiago. A súa semente segue dando froito ao pouco que se labre o espazo que el labraba e coidaba coas súas propias mans. No Cebreiro estaba o seu punto de mira e dende aquela ventá ollaba para o mundo enteiro. Dende a altura miraba para a chaira, para os outros montes, para arriba e para abaixo.

Unha honra para os aldeáns do mundo, se é que quedan, e para todos os amantes e defensores do Camiño de Santiago

Precisamente agora, no trinta aniversario do seu pasamento, a Universidade sarda de Cagliari faise co Premio Internacional Apecsa 2019, pola tradución ao italiano dun libro sobre este valedor do Camiño. Unha honra para os aldeáns do mundo, se é que quedan, e para todos os amantes e defensores do Camiño de Santiago, para todos os que queren que o rural sega e que a súa xente poida nacer, medrar, estudar, vivir e morrer en condicións de dignidade.

O premio, en igualdade de condicións, tamén foi para a Universidade de Santiago, polos estudos e esforzos desta cinco veces centenaria Casa do Saber, sobre aspectos diversos do Camiño de Santiago e polo traballo ben feito coas Leccións Xacobeas. Isto fai que os integrantes de Apecsa, asociación sen ánimo de lucro que naceu en 1992 coa vontade de contribuír á divulgación do Camiño de Santiago, como motor para a dinamización socioeconómica e cultural de Galicia, sintan (sintamos) ledicia ao ver a transcendencia do fenómeno xacobeo, ao saber que profesores como Miguel Taín, Domingo González ou Daniela Zizi seguen dándolle lustre ao labor daquel cura de O Cebreiro.

Moitas outras persoas deberían ser citadas aquí, como Segundo Vázquez Portomeñe, a quen se lle dedica in memoriam a edición deste premio, e moitas institucións, polo seu facer e pola súa contribución a que o Camiño de Santiago aumente a incidencia, como un dos prezados bens que acadaron a categoría de seren Patrimonio Mundial.

As Universidades galegas, e moitas estranxeiras, axúdannos. Así, os galegos, os peregrinos e tódolos amantes do Camiño de Santiago estamos de noraboa. Pero, como di a Tía Manuela, "que ninguén se quede quedo".

Comentarios