Opinión

Felicidades e ánimo!

O CIS prognosticou e os cidadáns que pensan? Uns din que si, outros din que pode ser, a uns terceiros non lles gusta o si e tampouco lles agrada o non. Ninguén sabe o que vai pasar e, pase o que pase, a unha parte pareceralle ben e á outra, tan importante como a primeira, vaille parecer mal, fatal. Confusión total. Non se percibe con claridade a razón que impide o acordo entre os que perseguen o mesmo obxectivo. Os do BNG responden aos criterios de seriedade. Teñen a Pontón de candidata, unha parlamentaria con experiencia, con toda a súa vida profesional apuntalando as ideas e os resultados do Bloque, fronte a outros e outras que foron como ela e agora non queren saber nada. Xa o dicía a Tía Manuela: a memoria é fráxil. A candidata apontóase coa voz rexia e fonda de Mini, para dicirlle á cidadanía cales son os obxectivos.

Por favor, permítanme unha lembranza para tódalas persoas que andan na arte da política, sen excepcións, con televisión ou sen ela. Felicidades e ánimo!

O PSdeG segue na liorta interna. O candidato lucía traxe académico na procesión dos togados o día da inauguración do curso no Sistema Universitario de Galicia, na súa Universidade de Santiago, onde parlamentaba cos que foran dos seus, nas filas do nacionalismo, ao tempo que algúns dos socialistas presentes ofertaban indiferenza. Académico e político, en por igual, foi recorrendo o arco ideolóxico para facer ben a Galicia, sen facer mal a ninguén.

No seu, non quere seguir Luís Villares, quen abandona a casa da administración da xustiza para esixir xustiza dende a política, dende o parlamento do Hórreo. El e o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, participaron nun almorzo mitin (financiado por unha entidade bancaria) e falaron de algo moi interesante, da creación inmediata, se chegan ao poder, da banca pública galega. Á xustiza tamén alude a candidata de Ciudadanos. Non está claro para quen a reclama, pero a bo seguro que é para as necesitadas Fragas do Eume, as de Marta Rivera de la Cruz.

Entre tanto, o presidente actual da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pisa terreo firme, preparado coa axuda de tódolos seus contrincantes, discrepantes entre si. As enquisas danlle a vitoria ao PP. E os galegos? Ao parecer, tamén. Por favor, permítanme unha lembranza para tódalas persoas que andan na arte da política, sen excepcións, con televisión ou sen ela. Felicidades e ánimo!

Comentarios