Sábado. 25.05.2019 |
El tiempo
Sábado. 25.05.2019
El tiempo

García-Bodaño, Salvador

É O verdadeiro Salvador, García-Bodaño Zunzunegui, poeta loitador, home co seu corpo fráxil envolto enteiro en bonhomía, con súa alma brillante, gozosa e poética. Home de poesía, benevolencia e bondade, como a maioría dos que andan por esta terra nosa sementando, na sementeira literaria dos versos, producindo mensaxes, abrindo camiños para as verdades, para que flúan e se escoiten os silencios e para que se vexan as realidades clariñas. A poesía é unha ferramenta universal para comunicación. A do noso poeta, un dos representantes da xeración dos cincuenta, é comunicación ética e estética. Así o recoñecen os seus lectores e os colegas, escritores, poetas e académicos. Todos contigo, Salvador!, mais quen sabe a onde van / as nosas mágoas!

Vostede, Salvador, sabe que o facho de Fole alumaba polas serras do Incio, por aquelas terras da montaña onde a poesía está enraizada, no Courel de Novoneyra e na Loúzara xabreira de Fiz Vergara Vilariño

Naceu en Vigo e de meniño foi para Compostela, onde está arraigado e onde é apreciado, sabendo que "as cidades, logo, as reconstrúe cada quen, alá nos espazos do recordo, segundo as propias vivencias". Sabendo, como indica o autor noutro texto, que: "...Sóbor da terra / aínda un soño te procura baixo a terra...". Aí está, a terra, a lembranza, a esperanza, os soños e o futuro. Aí está o futuro en camiño, vai ou vén pola verea, coa poesía de guía, cos versos dos nosos poetas convertidos en fachos altamente luminosos, como a luz do candil de don Ánxel Fole.

Vostede, Salvador, sabe que o facho de Fole alumaba polas serras do Incio, por aquelas terras da montaña onde a poesía está enraizada, no Courel de Novoneyra e na Loúzara xabreira de Fiz Vergara Vilariño. Alí onde escribiu María Mariño e cantaron os trobadores do século XII, onde o Mosteiro de Samos, San Salvador e San Eufrasio do Mao custodian lendas e pegadas do pasado. Os profesores, Xulio Pardo de Neira e Dulce Fernández Graña estudaron as cantigas de Martín de Padrozelos e nelas atopan topónimos, nomes e o sentir da montaña bravía, desta montaña louzariña, nas beiras dos "tesos cumes que olla de lonxe".

A Unesco, en 1999, proclamou o 21 de marzo como Día Mundial da Poesía, pero a maioría dos que gustan desta manifestación cultural e artística, deste diálogo intelixente no marco dunha ampla diversidade creativa e lingüística, non quere límites. Cada poema é como unha raiolada de esperanza. Grazas, Salvador.

García-Bodaño, Salvador
Comentarios