Opinión

O gran perdón, en Airapadrón

Foron dos primeiros da contorna en saber que a formación e a aprendizaxe eran convenientes para os homes e mulleres do mundo. Tamén para aqueles que naceran no rural de Galicia, nas casas aldeás abundantes, ricas e pobres ao mesmo tempo. Algúns eran fillos de mariñeiros e outros, os máis, fillos e fillas de labregos, que saíron da casa na procura de coñecemento e do saber, tan necesarios, naqueles anos setenta como hoxe, neste mesmo século XXI, caracterizado pola abundancia da tecnoloxía, da informática e da telemática. Abundancia en todo e tamén en nada.

Foron dos primeiros, dicimos, en ver o Centro no que estudaban en Lugo, convertido en Instituto Politécnico Nacional. Foi grazas ás súas instalacións e grazas á diversidade de ramas e especialidades que se impartían e que proporcionaban vías de futuro para a mocidade que tiña que andar, aprender, formarse e traballar para seguir aprendendo. 

Un grupo daquela mocidade, da promoción de 1975, reúnese cada ano para festexar a amizade, o compañeirismo e repasar o acontecer. Farano dende a altura, dende o Alto de Airapadrón (Samos) e comerán viandas das nosas, naturalmente, saborosas.

Achegaranse dende onde están, por toda Galicia e fóra dela. Como viñeran de fóra, a principios dos setenta do século pasado, a aquela Escola de Mestría Industrial, o Madriles, Mouronte, o Aspirino e outros co seu nome e apelido. Todos estudantes e traballadores que seguiron avanzando e construíndo un universo de amplas miras.

Dedicáronse á política e fixérono ben, traballaron todos eles co aprendido e tamén lles foi ben. Moitos compaxinaron (como se facía daquela) o traballo cos estudos universitarios e tamén lles foi ben, incluso, moi ben. Agora andan nas lembranzas, gozando do que teñen, das amizades que manteñen, da liberdade que posúen, da saúde que coidan e dos contos que se contan.

Sementaron nos labradíos por onde andaron. Eran de falar galego (o que sabían) e seguen na mesma, zumegando solidariedade, esixindo igualdade, reivindicando respecto aos dereitos e reclamando xustiza social e mérito para os iguais. Como recorda a Tía Manuela, "Deus críaos e eles xúntase". Desta vez farano o sábado (6 de abril de 2024) e Moncho Fidalgo de Penaxubeira estará alí coa batuta, en Airapadrón, onde se gaña o gran perdón.

Comentarios