martes. 02.03.2021 |
El tiempo
martes. 02.03.2021
El tiempo

A grandeza da gaita de fol

É bonito observar a actitude destes músicos mozos que reviven o pasado e que nos axudan a entender a música como unha fortaleza do presente e do futuro

CARLOS NÚÑEZ, un gaiteiro, un artista, un intelectual noso que apurra a palleta da gaita coa sabedoría dun sabio, que estuda, dálle forma á chamada, investiga e afonda no sentir da música inspirada nas gaitas, nas arpas, nas músicas celtas, no saber e no saber ser. Agora, nestes tempos de madurez, ten un soño. Quere traballar, segundo conta na radio, con artistas de rock, de música indie e con amantes da música celta. É un pracer para esta parroquia saber que temos na terra, preto de nós, ao noso carón, a un dos grandes músicos da historia, a un gaiteiro da contemporaneidade, facendo coa gaita cultura e país.

Facendo Camiño, agrandando a patria xacobea e concitando amores á nosa forma de ser, de andar, de parecer e de vivir. Somos galegos tamén pola música, grazas aos músicos, aos poetas, aos creadores e facedores de literatura, aos historiadores e a moitos máis. Incluso, grazas aos filósofos, aos mariñeiros, aos científicos, obreiros, labregos, biólogos e, naturalmente, grazas aos veterinarios, farmacéuticos e cantores, deses que, como di Jorge Cafrune, son "voceiros do que o poeta toma do seu pobo, para devolverllo" en forma de canción cantada.

É bonito observar a actitude destes músicos mozos que reviven o pasado e que nos axudan a entender a música como unha fortaleza do presente e do futuro. É bonito escoitar a homes e mulleres das artes, das letras e da intelixencia, da ciencia, do deporte e de tódalas carreiras falando do noso, do noso Camiño de Santiago, do noso Primeiro Itinerario Cultural de Europa e do noso ser e non ser, segundo as circunstancias.

As potencialidades da gaita de fol vense enormes. Está fortalecendo o selo de instrumento humilde para entrar, con todo o seu son, nos auditorios de tódolos tipos, nas programacións diversas, nas salas de prestixio pola calidade musical, en todas aquelas nas que actúan as estrelas, aínda que sexan de rock ou de pop.

Ludwig van Beethoven tamén se inclinou nesta liña e o mesmo Carlos Núñez alude ás súas últimas sinfonías, que "teñen inspiracións e bases na música tradicional celta" e sobre elas está preparando un traballo que será, sen dúbida, fermoso. A Tía Manuela tamén defende a grandeza da música e da gaita, que tanto gusta e gustaba.

A grandeza da gaita de fol
Comentarios
ç