Opinión

A gripe, cada ano

ANDA A GRIPE como se fose andazo. Vai polas casas metendo á xente na cama, vén cada ano dando que falar e producindo un enorme gasto aos sistemas sanitarios, desenvolvéndose demasiadas veces en pneumonía mortal. A taxa global de incidencia acumulada de gripe, na temporada 2014-2015, foi de 2.366,93 casos por 100.000 habitantes. Os expertos din que foi a máis alta desde 2004-2005, contando como unha excepción a pandemia de 2009, causada polo virus H1N1, o mesmo que, segundo informacións xornalísticas, obriga estes días a pechar en Rusia unhas 11.500 escolas e 2.300 garderías.

Dise que non hai feira mala, cando un perde outro gaña, pero neste caso poida que perdan todos, incluso os máis favorecidos co negocio gripal, incluso os que alimentan e protexen o negocio da saúde ou, mellor dito, este negocio da morte. Durante a temporada 2014-2015, participaron na vixilancia de casos graves hospitalizados confirmados de gripe 90 hospitais e un exército de sanitarios formados, experimentados e distribuídos polos distintos territorios do estado, cunha poboación vixiada global duns 21 millóns de habitantes.

Este ano volvemos estar nas mesmas. A finais de xaneiro, xa eran 57,81 casos por cada 100.000 habitantes e cada quen ten que procurar o seu propio remedio, que debe centrarse de modo especial na prevención. Uns entenden que vacinarse é o primeiro e moitos saben que controlar a alimentación é fundamental. Esta doenza infecciosa respiratoria, de orixe vírica, con febre, tose, malestar e inflamación das mucosas respiratorias hai que combatela bebendo auga e comendo froitas diversas, verduras, legumes, peixe azul e allos crus, con todas as súa propiedades que axudan ao sistema inmunolóxico e atacan sen piedade aos microbios. Xa o dicía a Tía Manuela: benditos allos!


A gripe é un mal para a saúde das persoas e un gasto económico e social de dimensións enormes. Hai estudos que cuantifican este gasto e as cifras millonarias de millóns son máis grandes do que calquera podería considerar normal. Aquí, neste caso, como en moitos outros, as autoridades deberían estimular e pagar a investigación, como unha inversión para a sociedade. Debería ser unha obriga gastar en ciencia e poñela ao servizo das persoas. Se non se fai, quen gaña?

Comentarios