Opinión

Liberdade, efectivamente

SE A LIBERDADE falara, estaría obrigada a calar, tería que repensar o que din dela e tería que agrandarse nos mundos todos, nos do mando e nos da obediencia. Tería que redefinirse e dicirlles aos interesados cal é o seu significado e que obxectivo ten preparado. Liberdade de expresión, liberdade de participación, liberdade de acción ou de elección, liberdade para escoller a boa taberna, para circular e andar, para ler ou para atender aos que falan e tanto falan, con coherencia ou sen ela. Liberdade relixiosa, de pensamento, de comercio e de tránsito, liberdade para camiñar, falar e parar. Quen será o dono de tanta santa liberdade?

Ou, se alguén pode contestar, quen é o dono da liberdade daqueles que amordazan á sociedade, sen precaución, sen atención, sen miramentos e sen explicacións? Quen son e que queren? "Liberdade para todo e —como di a Tía Manuela— para nada". A bo seguro que é certa aquela expresión de que a liberdade é unha regalía para os pobos, moi valorada durante a Revolución francesa, en consonancia coa igualdade e a fraternidade. "Liberdade, igualdade ou morte" chegou a ser proclama popular, mentres outros pensan que a liberdade non se entende para morrer nin para matar.

A liberdade, a igualdade e a fraternidade deberían entenderse como principios e, xa que logo, como valores da sociedade destes tempos. Para fortalecelos deberían asumir as súas responsabilidades os políticos, en primeiro lugar, os do goberno e tamén os da oposición, que teñen a obriga de non soltar a vara de aguilloar.

É cuestión de filosofía, incluso, de harmonía, de querenza e de bonhomía. Non é necesaria a política, pero é imprescindible a observancia, a orde e o saber. Entre outras cousas, cómpre saber que a liberdade hai que cultivala e ganala, procurala e esixila. A liberdade en Madrid é o que é, en Barcelona e en Cataluña enteira é outra cousa diferente, igual que é distinta nesta Galicia nosa, no Norte ou no Sur.

Efectivamente, é unha palabra, un canto e a receptora doutros cantos con música revolucionaria e solemne. A liberdade é un berro que precisa voz moi alta e aquelada. Todos, vostedes, amigos lectores, eu e os outros, sexan de onde sexan, negros ou brancos, temos que xuntar as forzas todas para obrigarlles a parar aos represores, aos depredadores das liberdades, independentemente das escusas que aleguen, por moi sanitarias que parezan.

Comentarios