jueves. 02.12.2021 |
El tiempo
jueves. 02.12.2021
El tiempo

Listo coma un allo

O pulpo ten tres corazóns, dous para atender ás traqueas e outro para bombear o sangue das branquias e para que circule por todo o corpo

Moitos chámanlle ao pulpo polbo. Son aqueles que falan, segundo a Real Academia Galega, correctamente dentro da normativa. Son paisanas e paisanos nosos que comen patacas con polbo, nos días de festa e a diario, ou pulpo á grella, asado sobre as brasas feitas con leña de carballo, guisado e con pemento e aceite, con cebola e con allo. Moitos dos comedores de pulpo ou polbo non saben que este bicho de oito rabos, admirado e venerado no San Froilán polos galegos da Galicia enteira, é o molusco máis intelixente dos que andan e viven nos mares, nos mares grandes que tanto aportan á humanidade. 

Vén á memoria e a este artigo o pulpo por mor dunhas recentes declaracións da artista e activista estadounidense Jane Fonda, que pide que se boicoteen aqueles restaurantes que vendan pulpo en calquera das súas modalidades. Os de Ribeira e Bueu non dan creto. Os do Carballiño e Lugo, tampouco, pero a artista insiste en que estes octópodos "teñen emocións, son criaturas sensibles e tremendamente intelixentes". 

Algo hai de certo. A ciencia di que son dos invertebrados máis intelixentes e con maior diversidade no comportamento, sabendo adaptarse ás situacións concretas, ata tal punto que se estreitan tanto como sexa preciso para introducirse por unha pequena fenda. O pulpo ten tres corazóns, dous para atender ás traqueas e outro para bombear o sangue das branquias e para que circule por todo o seu corpo. O cerebro deste cefalópodo forma parte dun complexo sistema nervioso, cun cerebro nuclear dentro da cabeza e con neuronas nos tentáculos. 

Son listos e teñen capacidade para moldear determinados elementos, para esconderse, para fuxir e para sobrevivir. Jane Fonda deféndeo e quere que se retire dos fogóns e das mesas de comensais feroces. É moi probable que esta muller, a pesar dos seus anos, sexa contratada para pregoar algunha das grandes festas de Galicia, para dar que falar e para aconsellar aos mariñeiros que deixen de matar e que respecten —como ten que ser— a vida do sistema marítimo con tódalas súas especies en convivencia e harmonía.

Os que viven do mar están preocupados pola redución de pulpos rexistrada nestes últimos anos e que, ao parecer, vai a máis. Con todo, vai da feira ao cine con éxito, triunfando diante da crítica e diante do público, como esa historia que conta as relacións de amizade dun pulpo cun home no fondo do mar, como di a Tía Manuela, "ese bicho é listo coma un allo". 

Listo coma un allo
Comentarios
ç