Opinión

Manuel María

ERA MANUEL, sen máis. Así lle chamou sempre a compañeira e amiga Margarita Ledo, unha das persoas nas que o poeta tiña confianza plena. Para algúns era Manuel María, sen apelidos, para outros era Manuel María Fernández Teixeiro, para todos era o mesmo, un home de corazón grande, con bonhomía, con xenio, con cabeza e con razón para loitar a diario por unha Galicia liberada. Naceu en Outeiro de Rei e viviu anos en Monforte de Lemos, admirado polos lugareños, polos comerciantes da vila, polos mestres de escola, polos seus compañeiros da xustiza, polos labregos e campesiños, polos ferroviarios e polos que andaban de baranda polas rúas ateigadas de xente nova. Admirado polos traballadores, músicos, pintores e cantores, por moitos que atopaban nel un respaldo total.

Homenaxeando a Manuel María fáiselles honra a todos os galegos e galegas que traballaron na procura dunha Galicia próspera cultural e economicamente

E, Saleta Goy? A súa dona, Saleta ten moito que dicir. Pasou miles de horas e de días co poeta a solas. Viaxou con el, leváballe escondido o tabaco e a navalla, volvía con el para a casa e así pasaba a vida, ollando e admirando aquela compañía que tiña e tanto quería. Manuel María era, sen máis, Manuel, un home de ben que moi ben escribía. Moito e ben, tanto poesía como narrativa, ensaio, abra dramática ou artigos para o xornal. A súa riqueza literaria e de pensamento está estendida por Galicia enteira, dando froitos que coidadosamente atende e afaga Saleta.

Sabemos que cada un dos días do ano ten que ser día das letras galegas, pero a Real Academia, seguindo a ronda comezada, en 1963, con Rosalía de Castro, este ano homenaxea ao poeta chairego e monfortino ao mesmo tempo. Outra vez, a Real Academia Galega atinou. Homenaxeando a Manuel María fáiselles honra a todos os galegos e galegas que traballaron e seguen traballando na procura dunha Galicia próspera cultural e economicamente.

Quen somos dunha das aldeas montesías do Sur de Lugo, do Courel ou das súas proximidades e coñecemos tamén a valía, a valentía e a literatura de Novoneyra e Fiz Vergara, estaremos de por vida agradecidos a Manuel María, por deixarse querer, por escribir o que escribiu e por ser como foi: un mestre para moitos, pero especialmente para os escritores mozos e para as mozas escritoras. Coa súa navalla e a súa sabedoría labraba, unha a unha, as palabras que debuxaba coa pluma e o corazón.

Comentarios