Opinión

Medallas Castelao

AS MEDALLAS Castelao deste ano déronse a coñecer recentemente e a escolla dos galardoados constitúe un acerto. Tres persoas relevantes nos eidos da cultura, da arquitectura e da enxeñería, Alfredo Conde, Xerardo Estévez e Xosé Antonio Vilaboa foron nomeados polo Consello da Xunta para seren exemplo do bo facer, xunto coa científica María Teresa Miras Portugal e o coro coruñés Cántigas da Terra. O día 28 de xuño, en acto de marcado carácter protocolario e institucional, recibirán as medallas, como sinal da honra que merecen e que se lles tributa.

O día 28 de xuño, en acto de marcado carácter protocolario e institucional, recibirán as medallas, como sinal da honra que merecen e que se lles tributa

O padroado da Fundación do Pedrón de Ouro, que preside con grande tino o intelectual Xosé Ramón Fandiño Veiga, xa se adiantou homenaxeando a Cántigas da Terra, co seu máximo galardón deste ano, o Pedrón de Ouro, e entregándollo, o pasado 22 de maio, nun acto celebrado na casa de Rosalía de Castro, en Padrón. O coro cumpre cen anos, cando se celebra tamén o centenario das Irmandades da Fala. Naceu o 28 de decembro de 1916, precisamente, para que as ideas da organización impulsada por Antón Vilar Ponte, fosen pragmáticas e promoveran o uso da lingua galega nos distintos ámbitos, inculcándolle á xente o amor pola Terra e procurando que xermolara a cultura sementada a través da literatura, do canto, o baile, o teatro e de calquera outro tipo de manifestación tradicional.

Parabéns para tódalas persoas integrantes do coro, polo ben que cantan, pola súa historia, polo que aguantan e polos recoñecementos que lles ofertan e lles entregan. Parabéns tamén para os outros. A señora Miras Portugal, ademais de ser do Carballiño, é unha científica destacada, con méritos enormes no campo da neurociencia e cun importante bagaxe como xestora do coñecemento.

Alfredo Conde Cid e Xerardo Estévez Fernández merecen sobradamente esta Medalla, por mil razóns, por recordar e apreciar a Castelao e por seren, durante moitos anos, traballadores e loitadores polas liberdades e pola igualdade social. Ben que o dicía a Tía Manuela, "son como son". Oxalá segan sendo así! Do enxeñeiro de Forcarei, Vilaboa Barreiro, tampouco hai que falar, é coñecido dabondo aquí e acolá. Presidente da Federación Guipuzkoana de Casas Rexionais, defensor e promotor dos valores do Camiño de Santiago e amante desta Galicia que, calquera día, remata o seu espertar.


Comentarios