Jueves. 21.06.2018 |
El tiempo
Jueves. 21.06.2018
El tiempo

Moi saborosas

NUNHA DAS rúas máis céntricas e concorridas da cidade, na pastelería da esquina, preguntoulle á dependenta por un restaurante no que se comera ben. A moza con moita seguridade recomendou que fosen á casa do veciño, alí mesmo ao lado de onde estaban, onde comen famosos e famosas, políticos, futbolistas e artistas. —Ah!, para sobremesa pidan cañas. De primeiro o que queira, do que hai na carta e do que se poida facer. Todo en abundancia e de elaboración propia, adaptado ao seu padal, con gusto, regusto e sabor no mesmo ceo da boca.

Para empezar, verduras variadas e todas de folla ancha. Carne de animais encerrados, pouca e de peixe, comer sen taxa. Estamos na época de comer ben, incluso, como dixo Churchill, a miúdo hai quen ten que comer as súas propias palabras, como dieta perfectamente equilibrada. E, para sobremesa, queremos cañas. —Son caseiras e moi boas, señores, dixo o camareiro elegante, ben uniformado, ben lavado e peiteado con raia repuxada con tiraliñas.

Pois aí tivemos unhas palabras, vímonos na obriga de cantarlles as corenta e chamarlles ás cousas polo seu nome, tal cal, ao pan, pan e ao viño, viño.

Ao rematar o xantar, o camareiro volveu á mesa e, coa decisión que o caracteriza, pregunta, –Que tal comeron?. —Moi ben, grazas. Por favor, traía a conta. —De contado, señor. A partir de agora, vostedes son da casa. —Vou pagar con tarxeta. —Grazas, moitas grazas. Aquí ten a súa conta. —Pero, non hai un desconto par os do gremio? Enseguida fixo presenza na sala o dono do negocio e con grade profesionalidade ofertoulles chupitos de varios licores.—Logo, vostedes son da hostalería?.—Non, non. Xa lle digo, somos atracadores.

Diante de tal contundencia, o hostaleiro deu media volta e seguiu adiante cara a cociña falando só, "ladrón será, pero aquí levouna boa, vai que rabia. Xa veredes como non volve pisar esta casa! Nin falta que fai!". Ao saír atopáronse de novo coa moza da pastelería. —Que tal?, estaban ricas as cañas?. —Marabillosas, moi saborosas. —Fainas aquí a miña sogra. Queren un quilo ou un par de quilos? —Levaremos dous e medio. Pois aí tivemos unhas palabras, vímonos na obriga de cantarlles as corenta e chamarlles ás cousas polo seu nome, tal cal, ao pan, pan e ao viño, viño. Coidado!, na casa do ladrón róubanche ata a respiración. Os do restaurante seica amasan cartos igual que fariña, pero, como di a Tía Manuela, para ter riqueza cómpre ter traballo e facelo con honestidade.

Moi saborosas
Comentarios