Opinión

Na loita contra o mal

MOITO ME gustaría que viviramos nun mundo en paz, nunha cidade, nun país, nun lugar onde non se falara de guerra, no que non existiran as armas que se fabrican ou constrúen para matar aos iguais, onde os homes e as mulleres fosen libres para actuar, facer e pensar. En Galicia estamos de noraboa. Ao rematar este verán, o concello da capital sumouse á Conferencia de Alcaldes pola Paz, como mostra clariña da postura decidida en favor do desarme, contra -de modo especial- das armas nucleares. Unhas seis mil oitocentas cidades de todo o mundo (preto de dúas mil seiscentas, europeas) son actualmente membros desta Conferencia, impulsada, en 1982, polas cidades de Hiroshima e Nagasaki.

Os alcaldes destas dúas cidades piden a adhesión de todos os outros alcaldes e alcaldesas de calquera continente, para que a rede sexa grande e para desenvolver con soltura e con éxito a campaña ‘visión 2020’ e conseguir, antes deste ano, un mundo seguro, sen armas nucleares e en paz. A reunión plenaria da Conferencia de Alcaldes pola Paz celébrase, cada catro anos, en Hiroshima e Nagasaki, alternativamente. En 2017 toca en Nagasaki e as pretensións dos promotores son chegar cos deberes feitos e co maior número posible de cidades e concellos comprometidos cos obxectivos da Conferencia.

Para que a paz sexa sostible é conveniente traballar dende o ámbito local, dende a educación e con todas aquelas iniciativas de solidariedade e de compromiso que fagan ver á humanidade que a guerra é unha acción nefasta e o armamento, un instrumento que debe ser destruído. A única arma para quedar no mundo é a paz, para loitar contra o mal, contra a miseria e contra as desigualdades. Contra todo, incrible! A Tía Manuela quere lembrarlles, aos que gobernan e mandan, que non é lícito facer uso do abuso, arma que mata a esperanza dos pobres.

Comentarios