Opinión

Na memoria colectiva

É MAGNÍFICA, é guía, é interesante e ilustra o que é Galicia, a través de cen obxectos que están en permanente diálogo e que van contando o que fomos e o que probablemente seremos, se non vén o demo remedialo. É Galicia cen obxectos, unha exposición organizada polo Consello da Cultura Galega, comisariada por Manuel Gago Mariño, coa coordinación de Rocío Figueroa Guisande e deseño de Pepe Barro. Estará en Santiago de Compostela, en Afundación ata o mes de setembro e, despois, irá para A Coruña e para Vigo, dando conta da inmensa importancia da cultura galega ao longo dos anos, en tódolos seus aspectos. O presidente da entidade que a promove, o profesor Villares Paz di que «a iniciativa xorde da reflexión de que, ademais de preservar os valores culturais do pobo galego, é preciso tamén realzar o valor do patrimonio cultural e facilitar a súa mellor difusión e goce por parte da cidadanía». Grazas, Don Ramón.

Son cen obxectos, pero dan moito que ver e axudan á reflexión e a afondar no pensar e na análise de cada un dos camiños a seguir, para chegar a unha Galicia mellor da que tivemos e mellor da que temos. Tanto a exposición coma o libro, editado co seu motivo, son obras que axudan a remover no presente e no pasado, para encarrilar ben o futuro. Hai pinceladas da historia, dende o Paleolítico Inferior ata o Xabarín de Miguelanxo Prado, de 1994. Son cen e poderían ser cen mil ou cen millóns. O traballo do equipo que armou esta mostra foi inxente.

O visitante vai e ve o coñecido, obxectos incrustados na memoria colectiva. O futbolín, por exemplo, a maza do canteiro, a leiteira ou as cuncas e o pote da queimada, de Buño ou de Niñodaguia. A máquina de escribir, as latas de conserva, o autobús de liña e, mesmamente, a bicicleta de barra ou sen ela, son outros dos obxectos que dan vida á mostra.

Significativo. Vázquez Portomeñe, quen foi conselleiro da Xunta de Galicia en varias ocasións, ten na exposición dous obxectos creados, ou mellor dito, alentados, alimentados e impulsados por el. Ámbolos dous son mostra da importancia do consenso na acción política. Un é de 1984, o cartel da campaña Fálalle Galego, posta en marcha pola Consellería que dirixía, coa súa amiga Paz Lamela, en Política Lingüística. O outro é o Pelegrín, o símbolo do Xacobeo 93, querido e apreciado por galegos e forasteiros. Parabéns, Conselleiro.

Comentarios