Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

Nada

BUSCAS NO saco baleiro e non atopas nada. non hai nada no baleiro e pouco no que está cheo, Neso que parece estar cheo de nada.  Aquel home amigo miraba ao redor e vía unha rea de cousas paradas, movidas unicamente polo vento forte que viña de arriba. Tiña a sensación de que perdera a mirada e así tódolos días, non cambiaba nada. Foi á cidade e pasaban ao seu lado ringleiras enormes de persoas distintas correndo, vestidas de distinta maneira, de cor diferente, con diferente forma de andar e de falar. todas correndo para chegar antes ao semáforo con flashes vermellos de alta densidade que as paraba. Alí, todas as persoas quietas e amontoadas, agardando para cruzar e seguir correndo, moitas delas para ningures.  

Aquel home amigo, ao ver tal xentío no semáforo decatouse de que o movemento comeza da nada e así descubre a importancia desta, incluso para garantir a independencia e a liberdade individual das persoas. Xa o dicía Pablo neruda, "para que nada nos amarre, que non nos una nada". ás veces, nada parece todo. Resulta bonito e interesante pensar e descubrir a importancia de nada. Si ou non?

Hai estudos científicos, no campo da neuroloxía e a psicoloxía, que insisten na conveniencia de non facer nada, de deixar a mente parada, sen control e deambulando durante un período de tempo, para fortalecer a capacidade de creatividade e produtividade desa mente traballadora cando está descansada.

O malo é cando non queda nada do que se fai, nin do traballo, por intenso que sexa. Era mellor, efectivamente, ter a mente en branco e aforrada, dedicada a pensar e a analizar o que está sucedendo neste momento. A infelicidade dalgúns ou de moitos poida que veña de aí. Teñen as súas mentes ocupadas tódalas horas do día no deseño de estratexias para vencer, para escalar postos na organización, para minorar a forza e a razón dos outros, para o ridículo espantoso. E, do seu traballo non queda rastro de ben.

Nada. Estamos en tempos de nada e nada é o todo, o patrimonio enteiro dos nadies de Eduardo Galeano, "dos fillos de ninguén e donos de nada", dos que pasan a vida soñando con saír de pobres, pero nada, nunca chegan a nada, nin poden saír da nada. tampouco pasa nada, xa que, como dicía Sartre, o home primeiro é nada e despois constrúese.
 

Nada
Comentarios