Domingo. 24.03.2019 |
El tiempo
Domingo. 24.03.2019
El tiempo

No esquecemento

IMPRESIONAN E gustan ás persoas que as descobren, que as ven e miran para elas cos ollos, co corazón e coa mente. Coa mente liberada de maldades e co corazón arrogante chorreando amor á arte, ao debuxo ben feito, ás caricaturas que falan cargadas de mensaxe e de memoria, como as do artista galego Xosé María Cao Luaces, que ata finais de ano andarán por Galicia dando que falar á xente, aos críticos, aos artistas, aos docentes e a todas aquelas persoas que teñan oportunidade de velas, ata o doce de xuño, na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago, e despois, en Pontevedra, en Ourense, en Lugo, Melide, A Coruña e Cervo.

En Cervo foi onde naceu Xosé María Cao, en 1862, e en Cervo, na fábrica de Sargadelos, traballou de neno. Despois, foise para Madrid e deseguido para Bos Aires, onde a súa man de artista deixou unha pegada especial, fermosa, intelixente e duradeira. Foi o «patriarca da caricatura arxentina» e agora, outro dos grandes caricaturistas de Galicia, o presidente do Club de Prensa de Ferrol, Siro López coordina con gran habelencia unha exposición con 40 traballos da súa autoría, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e que ten por obxecto dar a coñecer ao artista lucense e a súa obra.

En Cervo foi onde naceu Xosé María Cao, en 1862, e en Cervo, na fábrica de Sargadelos, traballou de neno

Patriarca en Arxentina e descoñecido na súa terra, en Galicia. Así é a vida e así é a morte, que a este Patriarca chegoulle en xaneiro de 1918, cando estaba retirado na localidade de Lanús (Bos Aires) e cando, en palabras do prestixioso xornalista Juan José de Soiza Reilly, «máis que un artista, era un psicólogo profundo, un analista que calaba os miolos e facía caricaturas que eran como autopsias».

Sen máis, os que andamos no mundo do xornalismo temos que agradecerlle a Siro López a súa intervención e a súa acción para sacar da calixe da historia a este artista e xornalista satírico, Xosé María Cao Luaces, e por poñer á vista de todos a súa obra, o seu talante e o seu traballo, no Museo do Humor de Fene, no Club de Prensa de Ferrol, cun libro editado pola Deputación de Lugo en 1993, con algunhas conferencias e agora con esta exposición que dará pé a outros eventos de coñecemento e recoñecemento dos méritos deste intelectual e debuxante republicano galego e membro da Masonería arxentina. Que non quede no esquecemento!

No esquecemento
Comentarios