Opinión

Eles non paran de rir

Quéreos ver coa cabeza gacha e, a poder ser, con bágoas nos ollos. A sociedade ou as sociedades ergueitas son perigosas para o poder, que as quere dobregadas e, se é posible, arrastradas e ensuciadas nas lamorqueiras do chan embulleirado e pestilente. O mando cambia os parámetros da estética e pon aos pobos lonxe das alturas, obrigándolles a mirar para o chan, a dobrar a vista, a cabeza e o torso. Obrigándolles a deterse, en vez de avanzar. Que ninguén levante a mirada, non sexa que voe polos aires da liberdade. Quietos aí, labregos e mariñeiros, traballadores humildes de calquera ramo, homes e mulleres da terra nosa. Quietos!

Parece como se fose de sometemento e de aldraxe permanente, diario e sen descanso. Os semáforos colócanse en horizontal no medio do asfalto e, de momento, á altura dos ollos, ponse a propaganda, os letreiros publicitarios, que chaman ao consumismo, que tanto, tanto interesa. Os deseñadores novos e/ou modernos pintan as raias nas beirarrúas e nas lousas do solo, para que as xentes pasen coa testa agachada, sen posibilidade, e sen necesidade, de erguer a mirada.

O importante non parecen as persoas, a sociedade ou as ideas. Vamos preguntarlle a algún dos representantes gobernamentais cal é a acción máis importante coa que anda o seu ministerio, imos preguntarlle e a ver que di? E, cal será a tarefa máis importante que ten na axenda o pai ou a nai dunha familia calquera? Non hamáis que falar, hai coincidencia total coa Tía Manuela, "o importante é o sustento, a educación e a saúde".

Para o ministerio correspondente, tan importantes como a educación, son o respecto, o aprecio e o bo trato aos animais de compañía, aos cadelos, eses fieis compañeiros, os únicos animais da cidade moderna que deben levantar a mirada se queren verlle os ollos do amo. O amo, para verlle os ollos ou o rabo ao can, ten que dobrarse, agacharse e mirar de lado. As autoridades xa están niso, no adestramento do home para que non levante a vista, aínda que manteña a cabeza sobre os ombros.

Quietos aí compañeiros, traballadores do arado ou da pluma, investigadores, carpinteiros, científicos, músicos, ferreiros ou homes do mar, escoitade o bruar da guerra, mirade para o contador da luz que non para ou para os prezos dos produtos esenciais, para a cara daquela xente, para a fame e a miseria. Mirade para os outros, para eles, que tanto rin e non paran de rir.

Comentarios