Opinión

O gato, razoando

TIÑA GATOS na casa, un deles era Miau, un siamés tradicional, do que estaba namorado polos seus ollos azuis e pola suavidade do seu pelo curto; outro era un gato vello e salvaxe, un animal moi activo e afectuoso, un gato bengalí, Amadeo, que parecía o xefe da casa, na que tamén mandaba a gata nai, Leiria, unha persa que pouco se movía, de pelos longos e corpo engordado. O cuarto era un gatiño, ou non sei se gata, de poucos meses, que acababa de chegar á casa coa súa muller que viña, coas amigas, dunha viaxe polos países nórdicos. Este noviño vai facer un bo gato. Lou-renzo e a súa dona, da que non vou dar nome, están encantados con el, trátano como se fose o meniño, o picariño da casa.

Os gatos son como deberían ser as persoas que andan dirixindo na política; como o gato de don Miguel de Unamuno que, ao seu ver, sempre estaba razoando.

Na mesa de comer, o matrimonio sen fillos, reserva sitio e servizo para os gatos, aos que sentan intercalados cos invitados. Leiria preside a mesa redonda e Lourenzo serve a comida, a ensalada e a bebida. Ao principio daba certo reparo, pero enseguida se acostuma un e faise o que faga falta para que os amigos que convidan gocen e para que aos gatos lles preste o xantar. Para eles os catro, de primeiro, había sardiñas en forma de ceviche, como para nós, pero en fonte diferente, e despois, queixo. Os tres tipos diferentes do queixo, para os gatos, sen marmelo, por mor da diabetes. Para os outros catro que estabamos na mesa, o doce era feito en casa de confianza. Bo, moi bo!

Miles de gatos no mundo e milleiros de páxinas nas que se escribe deles. Hemingway chegou a ter na súa casa máis de cincuenta e un dos meus prezados poetas, Bernardino Graña, fala do gato da tasca mariñeira, con versos que loan o seu comportamento tranquilo, o daquel gato caladiño que ergue as orellas e ulisca, mentres vinte homes falan, beben branco e tinto, berran e danse a man, naquela taberna súa. Outros escritores falan dos gatos e fan narracións, contos, poemas e obras literarias diversas con eles de protagonistas. Moitas destas pezas acadaron grande popularidade e éxito.

Estes félidos, de suprema elegancia e amantes da liberdade, son amigos do home e contribúen a esa amizade con honestidade no plano emocional. Son como un refuxio nas horas baixas e compañeiros amorosos na casa. Son como deberían ser as persoas que andan dirixindo na política, como o gato de don Miguel de Unamuno que, ao seu ver, sempre estaba razoando.

Comentarios