Opinión

O Gordo

HAI UN GORDO que que gusta moito á xente, aos vellos e vellas, mozas e mozos e á maioría dos de idade intermedia. O Gordo do 22 de Nadal, que reparte ledicia, cada ano, por onde vai. Un Gordo que sae do grande negocio estatal da lotería, un negocio que comezou na época das Cortes de Cádiz, cando un espabilado ministro dá coa fórmula de incrementar os ingresos públicos sen que os cidadáns rechisten por pagar. O primeiro sorteo desenvolveuse o 18 de decembro de 1811, co nome de Lotería Moderna e máis adiante, cara finais do século, en decembro de 1892, pasa a ser o Sorteo de Navidad, do Nadal, para nós.

O primeiro premio Gordo foi de oito mil pesetas para o número 3604. Moito carto para aquela época, moito premio e moita riqueza para o Estado, a quen lle tocaba sempre, igual que hoxe, cando o Gordo é de catro millóns de euros. As cifras impresionan, neste 2018, para o sorteo extraordinario de Nadal emitíronse cento setenta series de cen mil números cada unha, en total tres mil catrocentos millóns de euros. Dos ingresos pola venda dos décimos, o setenta por cento repártese en premios.

Se a alguén non lle tocou, como así sería, que non perda a esperanza. Veñen os Reis e pode tentar a sorte coa Lotería de 'El Niño'

Se a alguén non lle tocou, como así sería, que non perda a esperanza. Veñen aí Reis e pode tentar a sorte coa Lotería de El Niño, un sorteo que comeza en 1941, que reparte premios a esgalla e que recada dabondo. Para comezar o ano non estaría nada mal que tocara! Ser ricos por un día para comprar unha desas capas "que todo o tapa", sen esquecerse de que, como di a Tía Manuela, "a riqueza cultural é a que axuda ao progreso da humanidade".

Ao falar de lotería temos que facelo tamén de estatística, de números e de sorte. Parece que o Gordo caeu máis veces en números pares que impares e, por estas cousas do azar, hai números que se repetiron dúas veces, o 15.640 tocou en 1956 e en 1978, e o 20.297, en 1903 y 2006. Outros teñen menos sorte. Segundo os datos de Loterías e Apostas do Estado, o número do Gordo non rematou nunca en: 09, 10, 13, 21, 25, 31, 34, 41, 42, 43, 51, 54, 59, 67, 78 e 82. Que pasa? A que se debe? Pola contra, as terminacións máis premiadas foron a 85 (sete veces), a 57 (seis), a 75 e a 64 (cinco), e a 95 e a 58 (catro).

O 22 de decembro de cada ano, rapazas e rapaces do San Ildefonso cantan por parellas e a cidadanía detense, parase para escoitar e anotar. Sempre anotando o pouco que cómpre apuntar, o de sempre: "a lotería é ter saúde".

Comentarios