lunes. 23.09.2019 |
El tiempo
lunes. 23.09.2019
El tiempo

Os xabarís petan na porta

ERAN SALVAXES mamíferos da familia dos súidos, co corpo cuberto de sedas mestas e fortes, con cor escura, entre gris e negra, raxada, e cuns canteiros con ángulos cortantes na parte superior da boca que meten medo a quen os vexa. Son os xabarís que agora andan tranquilamente polas praias do Sur, polos campus universitarios ou polos xardíns das ourelas das cidades e vilas. Son porcos bravos que resisten ás batidas dos cazadores, que xa se acostumaron ao falar da xente e que conviven coa cidadanía de forma respectuosa e tranquila.

Respecto é a palabra: á bioloxía, ao medio ambiente, á natureza, á saúde, ao benestar social, ao lobo que come ao xabaril e aos xabarís que estorroan a campaza

Dominan grandes áreas xeográficas do mundo, en Asia, África, América, Australia e en Europa, onde nos últimos anos aumentaron considerablemente, repoboando zonas onde desapareceran, como Inglaterra, Finlandia ou Suecia. E, aquí tamén, os xabarís baixaron polas ladeiras dos montes ata os prados do val, ata os soutos e as leiras traballadas e sementadas. Baixaron os xabarís, criaron e quedáronse. Xa forman parte da paisaxe, son como animadores do ambiente, como amigos domesticados e perfectamente adaptados. Gústalles a altura e a beiramar, os terreos forestais e as periferias urbanas.

A súa continuada presenza obrigou a modificar a lei de caza para que as batidas de homes e cans poidan ser máis frecuentes, mentres un grupo de defensores dos animais crea unha plataforma pola defensa do xabaril, tratando de "fomentar unha conciencia e convivencia ética da sociedade coa fauna silvestre". Xa está! Os xabarís, no centro da discusión, ao marxe da ética ambiental que, como parece obvio, é cousa das sociedades humanas, as que deben manter unha posición de coidado e respecto á natureza, a todas as especies biolóxicas, e desenvolver mecanismos que, naturalmente, satisfagan as necesidades dos seus integrantes.

Para neutralizar a polémica, a Tía Manuela teno claro, "a natureza e a intelixencia transmiten a mesma mensax" e, como dicía Aristóteles, "a natureza non fai nada incompleto nin nada en van". Respecto, volve ser a palabra. Respecto á bioloxía, ao medio ambiente, á natureza, á saúde, ao benestar social, ao lobo que come ao xabaril e aos xabarís que estorroan a campaza, o prado e a leira, que de contado petan na porta ou xa entran directamente na despensa da casa.

Os xabarís petan na porta
Comentarios