Opinión

Para quen o mereza

Non sei moi ben cal é a razón, pero á hora de escribir este artigo vénme á memoria a palabra fidelidade e o seu fiel significado. Moitos queren amigos para sempre, fieis e bos amigos, bos compañeiros e amizades duradeiras, prolongadas no tempo e no cariño. Amizades que entendan e que te entendan, que comprendan e que as comprendas. Amizades caracterizadas e borrachas desa fidelidade que se destila do saber ser, do saber estar ou do saber, simplemente.

Moita xente sabe da alta fidelidade, da capacidade daquel aparello electrónico de reproducir son de maneira fiel e coa mínima distorsión. Tamén hai moita xente que descoñece todo isto e sabe do interese de moitas mozas e mozos por ser fieis e non son quen de conseguilo. Que pasa? Nada, non pasa nada. É evidente que ese aparello electrónico non ten sentimentos. Nin ten capacidade de atención, nin ten a sensibilidade necesaria para acariñar a pel da veciña, da nosa veciña, coa pel súa curtida e amarelenta polo tempo pasado.

Fidelidade, amigos, a do cadelo, a do can de palleiro, cadrúpedo de mirada firme, de raza pura e de beleza extraordinaria 

Atentos amigos lectores, andan os políticos e os seus partidos buscando fidelidades, para ter votos nestas e nas vindeiras eleccións, para —se é posible— mangonear a esperanza da cidadanía, para facer ringleiras de seguidores e adeptos coa bandeira na man e man en alto. Elevada humildemente como a mirada. 

Eles queren adeptos. Todos queren seguidores, e deberían saber que «os seguidores que se xuntan con diñeiro, poden ser derrotados polo diñeiro». O valor dos votos! Impresionante, alguén —non sei onde— dixo que unha papeleta para votar era máis forte que unha bala de fusil. O papel armado, preparado para defender o futuro, se é necesario, para alentar e reforzar os soños. 

Fidelidade, amigos, a do cadelo, a do can de palleiro, cadrúpedo de mirada firme, de raza pura e de beleza extraordinaria. A de calquera outro can tamén é grande e agradecida, como agradecida e valiosa é a sinceridade. As compañías queren lealdade dos seus clientes, as igrexas queren fieis practicantes, os partidos buscan votantes, se pode ser, de forma inmediata e antes de pensar.

Pola contra, pensar, mirar, escoitar, reflexionar, ler e volver pensar é conveniente para ser fieis aos principios, a eses principios de «a cada un, a cada persoa e a cadaquén, o seu». O voto? Neste caso, como sempre, seguindo á Tía Manuela, «con toda a fidelidade, para quen o mereza».

Comentarios