Opinión

Parecen galegos!

O SUECO Alfred Nobel, despois de estudar química e enxeñaría e de conseguir significativos avances nestes campos profesionais e de investigación, dá o seu nome aos premios que seguen sendo hoxe os máis prestixiosos dos coñecidos. A primeira cerimonia de entrega destes galardóns (en Literatura, Física, Química e Medicina) celebrouse en Estocolmo, en 1901. Neste mesmo ano entregouse tamén o primeiro Premio Nobel da Paz, nun acto celebrado en Oslo. E, case setenta anos despois, en 1969, en memoria do creador do Nobel, entrégase o primeiro Premio do Banco de Suecia en Ciencias Económicas, o Nobel de Economía.

Trátase dos premios máis valorados do mundo, pero só un galego, Camilo José Cela, puido acadar tal honra, en 1989, cando lle outorgan o Nobel de Literatura. Xunto ao escritor de Padrón, outros seis españois acadaron o Nobel. O primeiro foi José de Echegaray, tamén co de Literatura, en 1904. Neste eido é onde houbo máis premiados, en concreto, outros catro, Jacinto Benavente (1922), Juan Ramón Jiménez (1956) e Vicente Aleixandre (1977). Os outros dous galardoados foron, co de Medicina, Santiago Ramón y Cajal (1906) e Severo Ochoa (1959).

Os Nobel son os premios máis valorados do mundo, pero só un galego, Camilo José Cela, puido acadar tal honra, en 1989, cando lle outorgan o de Literatura

Dous portugueses, «irmáns dos galegos», obtiveron o Premio Nobel, un deles en Medicina (1949), Antonio Caetano de Abreu Freire Egas Moniz, e outro en Literatura (1998), José Saramago. É difícil, pero en Galicia estamos de noraboa, nos últimos anos visitáronnos varios destes científicos destacados e premiados. Aquí estiveron, na Universidade de Santiago de Compostela, deixaron pouso en Galicia, contribuíron á divulgación da ciencia e achegárona á cidadanía. Foron co profesor Mira, con parada fixada en Fisterra, ver as mareas do mar.

E, nestes días pasados, coñecéronse os galardoados co Nobel en Física e o Nobel en Química de 2016, tres foron os premiados en cada caso. No primeiro, os británicos John M. Kosterlitz, David J. Thouless e Duncan Haldane, con liñas de investigación e con traballos compartidos con científicos galegos, investigadores de talla grande da Física na Universidade de Santiago. No segundo caso, o Nobel en Química foi para os británicos Jean-Pierre Sauvage e Sir J. Fraser Stoddart e para o holandés, Bernard Feringa, con discípulos destacados e amigos persoais na USC de Galicia. Parecen galegos!

Comentarios