Opinión

A patria dos humildes

CANDO COMEZAN a humedecerse algún dos moitos mistos dunha caixa, os outros van detrás. Humedécense todos e os primeiros comezan a podrecer. Cando un podrece, os outros van detrás, sen demora e sen remedio. É ben sabido por todos, o mal hai que cortalo de raíz. Cando se detecta que un misto está podre ou a punto de podrecer, cómpre retiralo inmediatamente da caixa e limpar, ata deixar limpiños aos que quedan, sanear o grupo e estender a vixilancia ás caixas da mesma época, ás que están ao seu lado, por arriba e por abaixo. Limpar, secar e facer labor de prevención.

Empeza pola humidade na cabeza dun misto e remata co almacén fedendo de forma insoportábel. Estaba tan estendida aquela humidade intensa que corrompía aos mistos todos, de tódalas caixas e de tódalas cores. Descompoñíaos, converténdoos en inservibles, en absolutamente inútiles e con mal cheiro, abafante. Se fose un, ou aínda que fose unha ducia, a solución era doada, erradicábanse e acabouse, traíanse outros novos.

Empeza pola humidade na cabeza dun misto e remata co almacén fedendo de forma insoportábel

Xuntáronse tódolos responsables da desfeita e, cando acadaron o acordo de mandar para a reserva, para a reciclaxe, aos mollados podres e meter nun caixón distinto aos limpos e sans, foron a unha sala anexa, á sala de fumadores para festexar o tratado e alí, o autor da proposta botou man da caixiña na que gardaba os seus mellores mistos, agarrou un deles para acender o puro, pero non puido, no intento rompeulle a variña, deixando un cheirume enorme e desagradábel. Todos quedaron pampos. Meu Deus!, exclamou con rabia aquel protagonista, segundos antes de marcharen, cabezas gachas, cada quen para cadansúa casa, para clarear os razoamentos e poñer as ideas a remollo. Dous labores necesarios e urxentes.

Eran mistos de color vermella, azul, maxenta, laranxa, morada, amarela ou negra, de tódalas cores do arco da vella. Eran todos diferentes e iguais, da mesma prosapia, de idéntica proxenitura. Foi como unha peste, a dos mistos mixtos e, sen dicilo e sen querelo, da mesma casta. Os de boa madeira non entraban en discusión, estaban coa súa propia cor afastados, ao amparo e ao servizo dos que non teñen e non queren ningunha casta nin peste, independentemente de cal sexa a súa nación e a súa patria. A destes seguramente será a patria dos humildes, a que defendía a Tía Manuela.

Comentarios