Opinión

Pendurados do teléfono

A oitava edición do Informe Anual ‘La Sociedad en Red, de setembro de 2015 e con datos correspondentes a 2014, detalla varios aspectos relacionados coa evolución da Sociedade da Información, baseándose en indicadores económicos e de uso das tecnoloxías e servizos. Segundo este informe, o 95,5% dos individuos entre 16 e 74 anos usan o teléfono móbil, os que máis, os habitantes de Melilla, o 97 por cento, e os que menos somos nós, os galegos, un 92,9 por cento.

Cerca de trece millóns de fogares estaban conectados a Internet, a finais de 2014, uns sete de cada dez, e o 94 por cento destes dispuñan de banda ancha. Parece que internet é unha ferramenta da que xa non se pode prescindir. O seu uso vai en considerable aumento cada ano, con usuarios nenos, mozos, maiores e máis vellos. Curiosamente, o acceso a internet dende os fogares faise nunha ampla maioría de casos a través da telefonía móbil. Ao parecer, nos primeiros meses de 2014, oito de cada dez fogares facíano así e no 41 por cento dos que tiñan acceso, usábase, como outra máquina de navegación, a tableta. Cada mes aumenta esta tendencia e probablemente, de seguir, non tardaremos en ter un mundo absolutamente incomunicado.

É sabido que a Sociedade da Información ten implantación desigual ao longo do territorio. Volve ser en Melilla, onde o 82,3 por cento dos fogares contan con conexión a internet, mentres que en Castela-A Mancha só se conectan o 66,8 por cento dos fogares. Referente á conexión de banda ancha, a través de dispositivos de man, varía considerablemente duns lugares a outros, sendo o de menor caudal Estremadura. O gasto medio mensual dos fogares en telefonía móbil foi en 2014 de 26,9 Euros e en telefonía fixa foi de 17,4 euros. Non está nada mal.

Á xente nova non lle sorprenden as conclusións do Informe, pero aquelas persoas que viviron unha boa parte da súa vida sen poder falar por teléfono, non dan crédito, non entenden como cada integrante dun mesmo fogar ten que andar a diario cun telefono no peto ou pegadiño á orella, para non perder a chamada. A ninguén se lle escapa a importancia do mercado mundial das TIC, pero tampouco se debe esquecer que hai vida fóra da internet e sen ter que estar pendurados do teléfono tantas horas ou máis que traballando, estudando ou, se é o caso, parolando.

Comentarios