Opinión

Plástico a esgalla

A ONU designou o cinco de xuño como Día Mundial do Medio Ambiente para tratar de sensibilizar á poboación, ás autoridades, institucións e empresas sobre a necesidade de protexer e mellorar o medio humano. Cada ano este día céntrase nun tema e a conmemoración de 2018 dedicouse ao plástico, de tal forma que todos os ecoloxistas, todos os consumidores e todos os amantes do medio natural apostan por un "planeta sen contaminación por plásticos", sen lixo e sen elementos que directamente destruían a vida dos vivos.

Os expertos están preocupados e incluso asustados. Cada día chegan aos mares e aos océanos unhas dezaoito mil toneladas de residuos de plástico, cun altísimo potencial contaminante e de diversos tipos, aínda que abundando o polietileno, o polyester, o polipropileno e o cloruro de polivinilo (PVC) das válvulas, tubos, fiestras e todo tipo de accesorios. Pensar na cantidade de plástico que se emprega para fabricar envases, pon os pelos de punta e máis aínda ao ver que son envases dun só uso, dispostos para ir inmediatamente aos montóns de lixo que afogan o progreso.

Cada día chegan aos mares e aos océanos unhas dezaoito mil toneladas de residuos de plástico, cun altísimo potencial contaminante

En Galicia hai milleiros de toneladas de material plastificado para destruír. Hai plástico nas vaixelas das casas ricas e nas que fan de morada para os pobres, haino na cociña, no cuarto do medio e na sala de estar, nas portas de entrar e na entrada mesma do fogar. Hai plástico na neveira, na televisión, na mesa de comer, no sofá de sentarse, nos estantes para os libros e no armario que garda os obxectos prezados. Hai plástico no bolígrafo co que escribimos, na pluma que temos para presumir, no reloxo de pulseira e na cama de durmir.

Plástico na boca, nas palabras, nos soños e na palleta da gaita de tocar. A moreas, e ensuciando a belida Galicia rural, con milleiros de enormes sacas de cor branca ou negra, que gardan a herba verde e cheirenta, fedendo a silo e abafando seguido. Plástico en tódalas formas de vivir, na camisa de vestir, no calzado de andar e na salchicha de comer. Na bicicleta, na moto, no coche ou na aeronave que algúns teñen para pasear. De seguir así, "en 2050 o mundo terá 12.000 millóns de toneladas de lixo deste produto". Plástico a esgalla, tamén para envolver, para matar e morrer.

Comentarios