Opinión

Por que?

O MAR ten beleza, ten vida e dá vida na redonda. Pero, no seu bravío leva e trae moita traxedia, agrándase coas bágoas das xentes que atrapa, xentes traballadoras e que buscan apousento para vivir. Maldita miseria! Sabémolo ben os galegos, sábeno ben os que andan no mar dende sempre, curtidos pola intemperie, pola friaxe, o traballo e a morte que os rodea cada día. A sociedade enteira tamén o sabe e deberían sabelo as autoridades, para ver de poñerse remedio, para intentar parar a inxustiza e a burla. No mar non hai palabras, falan os feitos, co sufrimento e os enterros, na maior parte das veces, sen homes a quen enterrar.

"Hai que cambiar o mundo, para conseguir que a prosperidade e a felicidade sexan compartidas". Ben falado!

Sábeo perfectamente o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, quen recentemente advertiu que, nos dous primeiros meses de 2017, son máis de trinta e sete as persoas mortas ou desaparecidas en augas do Mediterráneo, cando intentaban achegarse ás costas españolas, fuxindo da miseria inmisericorde. A representante deste Comisionado en España, Francesca Friz-Prguda, di que "hai que parar esta traxedia" e preguntarse por que tantas persoas perden a vida en tales circunstancias.

Efectivamente, cómpre ir ao por que e atacar ao mal de raíz. Morren nenos, mulleres e homes das poboacións máis vulnerables. Os datos producen arrepío. Na fronteira marítima co Mediterráneo, en 2016, morreron ou desapareceron máis de cinco mil persoas, a maioría na ruta que comunica a Libia con Italia. Nese mesmo ano, e segundo os mesmos datos aportados pola Axencia das Nacións Unidas, máis de oito mil persoas chegaron ás costas españolas buscando pan, aínda que fose unicamente unha codia de pan centeo, sen outro salario.

O mar produce ledicia e ten mestura de beleza e tristeza. Ten bocanadas de ar limpo e ten golpes de amargura para moitas das xentes que navegan e non chegan á esquina. E, a mobilidade por terra tampouco está permitida para milleiros de homes e mulleres pobres, de países pobres en tódolos aspectos e dende calquera mirada. Ao parecer, máis de dous mil millóns de persoas viven en situacións extremadamente delicadas, sometidas á violencia, aos conflitos permanentes e á desnutrición xeneralizada. Xa o dicía a Tía Manuela, "hai que cambiar o mundo, para conseguir que a prosperidade e a felicidade sexan compartidas". Ben falado!

Comentarios