Opinión

Puideron acordar antes

Os paisanos do meu pobo traballaban tranquilamente e os/as que andaban na política, descansaban, durmían a sesta tranquilamente, algúns deles roncaban e soñaban, mentres tanto, outros agardaban que chegara o peor e chegou. O vento batía nas árbores e pasaba ou rebotaba, como rebotan as pelotas inchadas cando xogas con elas. Era unha auténtica revolución, un tsunami que arrasaba todo, os falares, as agardas, as perspectivas e, incluso, as correrías e demoras. Cando uns saboreaban a vitoria e o triunfo dos seus, outros malamente dixerían a derrota que, a pesar dos disimulos, é moi mala de asimilar.

Achéganse ao escenario renovadores que nunca anovaron nada, outros que non cambiaron nin traballaron e os que veñen coa boca chea de benestar e vanse correndo cara a ningures. Van buscar un lugar para descansar, como se todo fose coser e cantar. Pero, agora non poderán facelo.

Agora non, as convocatorias non deixan tempo para nada. Detrás das pasadas eleccións, veñen outras a modo de sorpresa, tal como se quixesen mitigar os seus efectos non desexados. Outras convocadas, co prazo legal, xusto e suficiente, para agrandar as posibilidades, para que todos os homes e todas as mulleres cheguen a tempo a votar. Sempre hai que votar pola mellor opción, aínda que sexa sen saber cal é, sen pensalo e sen nada máis.

Todos os que se presenten ofertaran e exhibiran as súas razóns como as mellores. E vostedes, amigas e amigos lectores, que pensan? Haberá razóns que convenzan e haberá outras moi apropiadas para seren rexeitadas, segundo o pensamento, a ideoloxía, a formación e os intereses de cadaquén. Pero cando un pobo vota con liberdade, non hai nada que protestar. E, como dicía Clara Campoamor, "a liberdade apréndese exercéndoa". 

Agora xa foi, Marica non chores, aínda que parece correcta a observación da Tía Manuela, "para non perder tanto tempo, xa puideron acordar antes e facelas, sen medo, todas xuntas, no mesmo mes e no mesmo día". 

Cando o pobo vota libremente, os políticos deben calar e teñen que acatar as decisións das urnas, o mandato dos cidadáns, que saben moi ben o que queren e o que lles convén. Despois das eleccións chegarán tempos novos e de esperanza, con sabor a frescura, con espazos preparados para a solidariedade e a cooperación, para a reflexión e para a razón.

Comentarios