Opinión

Quedan na memoria

SEGUNDO O escritor francés, François Charles Mauriac, "a morte non nos quita ás persoas queridas. Ao contrario, inmortalízaas no recordo". Non está mal pensar así para atenuar o pesar polo pasamento de alguén prezado e necesario. O da pasada fin de semana foi moito, despois da do admirado Carlos Oroza, «máis alto que o ceo», que deixou desoladas as rúas da cidade de Vigo, polas que, ata o día 21 deste mes, "todas las tardes paseo mi derrota", viñeron outras catro mortes e estenderon por Galicia bágoas de tritura e de pena.

Xosé Neira Vilas, Xosé Alvilares Moure, Xosé Chao Rego e Esperanza Guisán Seijas puxeron a Galicia de loito, na pasada fin dunha semana escura e de friaxe. Enchéronse as páxinas dos xornais de intelectualidade que fai revivir ás persoas que escribiron e deixaron a súa mestría nas palestras. Son catro grandes ou grandísimas persoas que dedicaron as súas vidas ao estudo, á construción de saber e á transmisión do mesmo. Moito e bo saber!

Andaron camiños paralelos e fóronse xuntos. Quedan, para os vivos, na memoria, segura e afortunadamente, para sempre



Nun magnifico e sentido discurso, pronunciado no Panteón de Galegos Ilustres, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero dicía de Neira Vilas que tiña raíces «na nación rural do proletariado galego», unha nación sen fronteiras e con cidadáns sen patria, á que moitos nos honramos de pertencer. A profesora Esperanza Guisán non era da mesma nación, pero tamén era sen patria. Unha coruñesa de nacemento e compostelá de veciñanza, profesora, mestra e investigadora no eido da ética na filosofía clásica, interesada polo neokantismo e o utilitarismo. Unha científica preocupada e atenta aos problemas éticos da actualidade.

Xosé Alvilares Moure e Xosé Chao Rego tiñan moitos puntos en común. O primeiro era de Chantada e o segundo era de Vilalba, os dous estudaron no seminario, foron docentes de Ensino Secundario e moi decentes profesores, carismáticos, cultos, queridos polos estudantes, apreciados polos colegas, en fin, profetas na terra. Teólogos, filósofos e defensores da razón, como arma para impedir a inútil imposición e a necia ou estúpida malversación. Andaron camiños paralelos e fóronse xuntos. Quedan, para os vivos, na memoria, segura e afortunadamente, para sempre.

Comentarios