Opinión

Regulamentos, por moreas

Vostedes, amigos lectores, cantos regulamentos coñecen? E cantos lle resultan de interese?

NA LINGUAXE e na teoría xurídica, administrativa e política aparece con moita frecuencia e insistencia o regulamento, unha norma de carácter xeral, de rango inferior á lei, ditada por algún órgano que teña potestade regulamentaria e que queira marcar o camiño polo que deben andar os cidadáns de a pé, cando queren achegarse á administración ou fuxir dela. Os de a pé, os cidadáns normais e correntes que reciben (recibimos) o regulamento como un mazote de teixo.

A principal característica do regulamento, segundo os teóricos do Dereito Administrativo, radica en que se trata dunha norma subordinada, manifestación dun poder subalterno que, no dicir da Tía Manuela, "para defender o poder verdadeiro, dá leña e dá estopa, tratando de conter os ímpetos da sociedade, sobre todo daquela que reclama pan, traballo e salario".

Un regulamento para cada paso, para cada mirada, para conducir pola dereita e para que os peóns camiñen pola esquerda. Regulamento para a ordenación do territorio, para que a xente non se pare nas beirarrúas, para acceder á universidade, para usar o parque e a piscina do lugar onde vives, para... Outros regulamentos para que as matanzas do porco sexan ordenadas e limpas, para que os cartóns vaian ao contedor correspondente e non se mesturen co lixo orgánico ou cos plásticos. En fin, xa se sabe, un regulamento para cada caso, para cada casa e, a maioría das veces, para nada.

Vostedes, amigos lectores, cantos regulamentos coñecen? E cantos lle resultan de interese? A súa listaxe parece interminable e o seu coñecemento, imposible. Cantos, cantos se redactan e se aproban cada día, nun día calquera? Regulamentos para todo, a barullo, para que ninguén saiba de que se trata, para que a burocracia rancia e casposa se apodere dos entes administrativos, dos centros de decisión, dos lugares de produción, dos centros de saber e de formación.

Regulamento para atar corto e ben atado, para dirixir dende o poder, para a intervención política, económica e social, para aguantar, mandar e colocar ordenadamente en restras aos membros daquel colectivo que interesa, daquel pobo que se resiste ou daquel outro que mira para o futuro con ollos abertos e co peito e o corazón ao descuberto. Regulamentos a moreas para amordazar a vontade da xente, da nosa xente e de nós.

Comentarios