Opinión

O reparado non é novo

ELA, A súa nai, zurcía os calcetíns e as camisetas, cosía as camisas e as chaquetas, remendaba os pantalóns dos meniños, os mandilóns da escola e os abrigos. De noite sempre traballaba nestas tarefas, despois de facer as outras cousas da casa e de fóra, que eran moitas e requirían traballo e esforzo. Era naquela época da escaseza, cando non se podía pensar noutras cousas que non fose traballar a reo para comer, darlles de comer aos fillos e levalos limpos á escola. Moitas veces á escola daquel mestre que elaboraba o material didáctico para ensinar o básico, o imprescindible para que os rapaces aldeáns tiveran interese por aprender e apreciaran o aprendido. 

Chegaban os canteiros e reparaban o tellado de lousa da casa vella. Os carpinteiros e os ferreiros reparaban os utensilios e as ferramentas de traballo, no campo e na casa; máis adiante, os electricistas reparaban os condutos eléctricos para que houbera luz nas cortes do gando, e os colchoeiros dábanlle unhas voltas a algúns dos colchóns das camas e deixábanos como novos. Todo se arranxaba, reparábase e usábase outra vez, ou outras veces, por imperativo da necesidade. Non se tiraba nada, reciclábase e aproveitábase o pouco que había.

Cando algo é inservible, uns retócano, arránxano, repárano e acompáñano ata que non poidan máis, ata que perdan a esperanza

E, agora, que? Quen repara o motor ou a defensa do coche? Quen arranxa ese microondas que fai ruído seguido, consume e non quenta? Quen lle pon o botón á gabardina ou lle endereza a vara torcida do paraugas de raias? Quen? O de arranxar, recompoñer ou recompor non é práctico, non é viable e economicamente resulta custoso. Vamos directamente ao novo, perfectamente empaquetado, con etiqueta e logotipo ben deseñado. Antes do reparado, o novo está ben mirado. 

Se hai algo que non funciona cámbiase, igual que se cambia de chaqueta ou se cambia o líder no partido ou o candidato a aquela ou a aqueloutra institución. Aquí xa son palabras maiores. Estamos falando de persoas coas súas condicións, cos seus intereses, coa súa particular forma de ver o mundo, a realidade e a política; coa súa formación e experiencia, coas súas formas de entender e de ver a realidade que se achega cada día, cada instante, diferente. 

Cando algo é inservible, uns retócano, arránxano, repárano e acompáñano ata que non poidan máis, ata que perdan a esperanza. Outros, pola contra, non queren reparar, nin corrixir, nin emendar. Cal é a opción preferida para vostede? Sabendo que o reparado non é novo, a Tía Manuela xa o dixo: "Cadaquén coas súas razóns".

Comentarios