miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Responsabilidade e solidariedade

Federico de Portela falaba da responsabilidade, da bonhomía e da solidariedade. Tres conceptos cos que se marcan tres dos grandes valores sempre necesarios para andar a diario pola vida, pero en épocas de crise, máis que nunca. Son principios que deben rexer o comportamento de tódalas persoas, dos presidentes, das ministras, dos parlamentarios de calquera bancada e de todos e cada un de nós, dos mortais que mentres vivimos, en períodos electorais, temos a enorme importancia que nos concede o dereito ao voto. Como dicía Castelao, «o pobo é soberano só o día das votacións», esa significativa xornada, cando se mide a eficiencia dos políticos, independentemente do seu xénero.

Parece obvio que deben reforzarse os valores que nos diferencian, que nos caracterizan e que nos fan merecedores dunha vida chea de razóns, comprensión, amizade e futuro. Parece importante, pois, establecer mecanismos que fortalezan o diálogo e a comprensión entre os homes e os pobos, sen que ninguén perda dos seus dereitos. Os dereitos do pobo e dos pobos son moi difíciles de conseguir e pérdense nun instante, nun santiamén. Con esa perda, todo vai a peor, mal, cada vez peor ata ficar no abismo.

Cando a crise é monumental, faise necesaria a información clara, concisa, certeira, veraz e continuada, á luz do día

A Tía Manuela é optimista e pensa que aqueles males que atacan á sociedade poden erradicalos, en boa medida, os que se dedican á política, entre todos, coa súa humildade, coa súa experiencia, coa súa capacidade intelectual, coa intensidade do seu traballo, coa colaboración entre eles e coa dos seus colaboradores e asesores. Evidentemente que si! E, falta que fará! Farán falta tamén as tecnoloxías, o uso da estatística, da investigación, da loxística e dos cartos. 

Cando a crise é monumental, faise necesaria, case imprescindible, a información clara, concisa, certeira, veraz e continuada, á luz do día. Esa información, amigos lectores, é un referente das virtudes de quen a practica. E, aínda máis, faise necesario, e agradécese, que os empresarios teñan xestos e comportamentos socias, que a cidadanía sexa responsable, e que aqueles que teñen salarios millonarios reduzan as súas cantidades ata un punto normal. Aí vai implícito o valor da solidariedade, tan prezado, tan conveniente e tan necesario.

Responsabilidade e solidariedade
Comentarios