Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Sabor a gloria

DIN QUE o cocido é unha sinfonía de sabores, un pracer para as persoas que son ben comedoras, un gusto para os festeiros, para os traballadores, para os que andan de folganza e para os que, primeiro, queren ter aspecto saudable e ledicia no corpo e na alma. Carne de porco a barullo, cachola, orella, touciño con lardo e moita freba, costela, uñas como as da ofrenda de San Lázaro, lacón curado e desalgado, rabo e ósos de soá; chourizos tamén de porco rezumando cheiro de fume de leña seca, carne de vaca, de galiña da casa, garavanzos, patacas das boas, grelos, repolo ou verzas.

É o prato da festa de verán e de inverno, de calquera época do ano. Tódolos produtos cocidos, ben cocidos e con lume lento. Dende Viveiro a Tui, pasando por pobos, vilas e cidades, dende A Coruña a Murias de Rao, por onde queira que vaias, pola Galicia do interior e profunda, polas capitais de provincia ou por calquera lugar do litoral, o cocido é apropiado para xantar e para gozar. É un prato que se presta para cantar e moito para escoitar cantar.

O investigador Charles Spence di que os estímulos que se reciben a través dos sentidos provocan sensacións que axudan a desfrutar dunha comida

O psicólogo e investigador da Universidade de Oxford, Charles Spence di que os estímulos que se reciben a través dos sentidos provocan sensacións que axudan a desfrutar dunha comida. Xantar con música é cientificamente saudable. Iso si, cada comida ten a súa música apropiada. Para a india, ao parecer, é o rock; a comida china sabe mellor con música pop e a italiana, con música clásica. Mentres que o jazz é recomendado para o sushi. A investigación na que participa este experto evidencia unha perfecta combinación do son do piano con froitos como o albaricoque ou as amoras, "probablemente por ser doces".

Cal é a música apropiada para sazonar o cocido galego? A música lenta axuda á permanencia dos aromas na boca, e a paella é máis saborosa se se come escoitando flamenco. É obvio que saboreamos cos sentidos e canto máis che guste a música que acompaña, máis che gustará o que estás comendo. A conversa do amigo e o concerto en directo daqueles comensais que botan man das súas guitarras, do acordeón ou do clarinete para acompañar ás vellas cancións da tuna, por Santiago, pola Peregrina, por San Froilán, na montaña ou na ribeira, fan que o cocido e as filloas teñan sabor a gloria.

Sabor a gloria
Comentarios