Viernes. 15.12.2017 |
El tiempo
Viernes. 15.12.2017
El tiempo

Seguimos!

NADA, NON hai moito que mirar e moi pouco que ver. O mundo anda revolto e o tempo tamén. A política, desconcertante e os políticos en actitude de espera, expectantes, aínda que sabedores de que quen espera, desespera. O pobo perde a esperanza, que, como dicía Aristóteles, "é un soño esperto". Agora si. Todos a votar con voto a favor ou en contra, pero encher as furnas a rebentar para que o mundo saiba que temos unha Catalunya cívica, con homes e mulleres, nenos e vellos, que son demócratas por formación, por costume, por educación e por interese. Cando menos, por estas razóns.

O mundo anda revolto e moitos andan atizando para darlles viveza aos tizóns da historia esmorecidos ou apagados. Non é doado de ver, pero todo fai pensar que se trata dunha loita permanente para que uns gañen á conta dos outros, dos perdedores. Para reducir esta nómina de perdedores, cómpre formación, estudo, sentido común e sentido da convivencia en harmonía entre persoas, lugares e pobos. Se isto non se arranxa teremos a moitos dos nosos integrados en rabaños, como se fosen ovellas ou fosen escravos.
 

Cómpre formación, estudo, sentido común e sentido da convivencia en harmonía entre persoas, lugares e pobos

Se isto non se amaña, pasará o tempo, pasarán as oportunidades e quedaremos enterrados na propia tumba, na que nós mesmos construímos, á que chegarán os corpos mortos de xenreira e, por unha obriga protocolaria, os vivos poñeranse en ringleira e avanzarán seguido cara a estupidez e o absurdo. Son frecuentes os encontros con aqueles que andan por camiños que van contra da razón, que non seguen o ditame do sentido común. E, para que?, pregunta a Tía Manuela.

Para nada, meus amigos. Con razón ou sen ela, a idiotez e a imbecilidade, segundo Albert Camus, sempre insisten. Unha vez e logo outra, non hai quen poida evitalo. De ningunha forma. Agora ábrese unha nova tarefa necesaria para erradicar os males que azoutan á sociedade actual, da intelixencia, do benestar e da que somos partícipes todos os lectores deste xornal. Para que renda, cómpre afastar definitivamente a estupidez, a idiotez, as desigualdades, as envexas, a maldade, a perversión e a ignorancia. Pola contra, cómpre achegar e apurar os procesos de cambio, os que xeran na mocidade tranquilidade, esperanza e confianza. Xa que logo, Seguimos!

Seguimos!
Comentarios