Opinión

Senlleiras

ANTONIO RIGUEIRO, catedrático de Produción Vexetal da Universidade de Santiago, en Lugo, e natural do concello do Incio, pronunciou a lección inaugural do Curso Académico 2015-2016, no Salón Nobre de Fonseca, coa que marabillou e embobou á audiencia. Unha audiencia nutrida de autoridades, profesores, universitarios de tódolos colectivos e cidadáns expectantes fronte aquel parlamento sobre as Árbores Senlleiras de Galicia, un patrimonio natural de valor incalculable, que merece ser respectado, querido e coidado.

A lei de Conservación da Natureza, de 2001, xa falaba do catálogo destas árbores, no que se incluirían aqueles exemplares con interese natural, cultural, científico, educativo, estético ou paisaxístico. E, ao longo destes anos, foron varios os investigadores que fixeron achegas importantes, importantísimas. Unha delas foi o libro de Carlos Rodríguez e Jesús Izco Sevillano sobre as árbores monumentais no patrimonio cultural de Galicia, publicado en 2003, e no que figuran 345 exemplares arbóreas deste tipo. Anos despois, a Xunta fai público o Catálogo Galego de Árbores e Formacións Senlleiras, no que aparecen 106 árbores e 21 formacións. Segundo o noso mestre tratábase dun catálogo inicial, provisorio e aberto. Un cátalogo que admite todas as incorporacións que se precen.

As árbores son naturalmente riqueza e vida, contan a historia e danlle ao rural do país unha beleza excepcional, enorme e de grandísima importancia

Sexa como queira, a riqueza que posúe Galicia neste eido, contrasta claramente coa falta de coidado e de atención. Non hai máis que ver como a lacra dos incendios forestais non cesa. Sería moi positiva a idea de encomendarlles aos expertos, aos que tanto tempo levan traballando neste eido, que contribuíran na elaboración de normas para establecer medidas que permitan erradicar os males que destrúen o noso contorno. Daquela, outro galo cantaría!

Tamén é ben sabido que as normas hai que elaboralas, ditalas, publicalas e, o que é máis importante de todo, entendelas, respectalas e promocionalas. As árbores son naturalmente riqueza e vida, contan a historia e danlle ao rural do país unha beleza excepcional, enorme e de grandísima importancia, máis aínda, nestes tempos que corren. O coidado á natureza axúdanos a ser máis nós. Noraboa!, para todos os que están nesta liña.

Comentarios