Opinión

Sentimentos

AQUELA MULLER de pelo loiro que cruza o semáforo leva ao can cunha camiseta de raias, un chaleco de punto, medias de seda, nas patas dianteiras, e de la de ovella ou de carneiro, nas traseiras. O cadelo vai cun colgante no rabo gacho e con arandelas de cores brillantes nas orellas longas, facendo xogo cos aros que penduran das da muller á que acompaña. Fáltanlle os zapatos, que deberían ser de GoreTex para abrigar os pés e evitar arrefriados.

Probablemente para a cabeza fose suficiente un gorro das mesmas dimensións e características que o da ama. Perdón, nada de ama! "O canciño, este cachorriño que levo ao meu carón, é un membro máis da familia". Ao parecer só lle falta falar, pero "ladra bonito e entende todo". Aínda non pode votar, pero xa chegará o momento no que para ser alcalde haxa que contar coa vontade de cans e cadelas. Non o queren na escola, pero ten as súas clases particulares, nas que xoga, corre, entretense, atende ao chamo e, á súa maneira, responde ao que lle preguntas. Dá saltos de alegría cando chegas xunto del. Si, por certo, "é igualiño ca unha persoa", un cadeliño singular, diferente, guapo e peludo, ladrador e amoroso.

A partir de agora, os animais deixarán de ser cousas para seren seres vivos con sensibilidade e capacidade para experimentar sensacións e sentimentos

Pobre señora!, pobre can e pobre cadela miña, "animaliño inxel", no dicir do poeta Fiz Vergara Vilariño. Pobre besta do carpinteiro que empreñou do cabalo negro dos militares ao que non quería. Pobre de min, campesiño e labrador de terras baldeiras, dicía o pastor solitario, dono e señor da miseria enteira, sen medias, sen chaqueta e sen ter para abrigarse do frío xélido que vén do norte e da auga que vén de abaixo.

Pobres animais que van desamparados aos refuxios municipais, pobres homes que andan nas guerras e pobre xente que non ten para comer nin auga para beber. Pobre rata roedora, fraca e desdentada, que vive nas cloacas e non quere ser mascota de ninguén. Pobre rata de laboratorio que padece para que outros expliquen o que lle pasa. Pobre coello que non é quen de escorrentar o tiro mortal de calquera cazador.

A partir de agora, como ocorre noutros países, os animais deixarán de ser cousas, para seren seres vivos con sensibilidade e capacidade para experimentar sensacións e sentimentos. E, os humanos? Como indica Jorge Riechmann, tócanos modificar a normativa e a relación ético-política co mundo natural. Pronto!

Comentarios